As mellores músicas son as que borran barreiras entre os estilos

As mellores músicas son as que borran barreiras entre os estilos
02 de Agosto, 2019 - 01:01 h. | Publicada por Radio Fene

Pepe Cunha é un dos pioneiros da comunicación musical en Galicia. Comezou a finais dos anos noventa nunha radio universitaria e, tras pasar por diversos medios, en 2003 naceu o seu proxecto estrela: Ábrete de Orellas. Unha páxina web e podcast co que, ata a actualidade, dedícase a dar a coñecer aos músicos galegos de todos os estilos.

ESCOITA O PODCAST:
Pepe Cunha en Radio Fene

Ese é o seu selo, o querer informar sobre todos os estilos. A xente, grazas a internet, ten máis acceso á música pero menos información por parte dos medios de comunicación, polo que se corre o perigo de quedar estancado escoitando os mesmos sons e de pasar por alto a moitos grandes artistas. Por iso considera que, no gran momento que esta a vivir a música galega a nivel creativo, é cando máis necesarios son os comunicadores musicais coma el, fai falta xente que guíe ao espectador cara novos grupos e novos estilos. É esta desinformación o que máis lle anima a seguir adiante.

Por toda esta labor divulgativa, Pepe Cunha foi galardoado con dous premios Martín Códax, un no 2016 e outro no 2018. Un recoñecemento que nas súas palabras “non ten prezo”.

Recentemente, pasouse ao formato libro con “Guadi Galego Pola Beira da Canción". Unha biografía musical na que se repasa a traxectoria musical da artista dende a voz do autor pero coa colaboración doutros escritores como Teresa Cuíñas e Carlos Crespo.
As súas páxinas conteñen varias entrevistas coa propia Guadi, quen colaborou estreitamente co proxecto.

O libro preséntase este domingo 4 de agosto ás 13h na sala Áncora do concello de Cedeira.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora