Membros permanentes da ONU visitaron o Parque Eólico de Sotavento, en Xermade

Membros permanentes da ONU visitaron o Parque Eólico de Sotavento, en Xermade

25 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Parque Eólico Sotavento Galicia recibiu onte a visita de varios membros permanentes da ONU como parte da delegación da asociación internacional “Dereito á enerxía SOS-Futur”, fundada no ano 2000 e que se achegou pola instalación xermadina para coñecer máis de cerca a realidade enerxética galega.

A  visita, promovida polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), estaba formada por persoas de diversas nacionalidades achegadas desde Arxelia, Canadá, Francia, Laos, México e Níxer, que amosaron o seu particular interese nas experiencias de Galicia no que a materia enerxética se refire.

 

No Parque Eólico Experimental, os participantes puideron visitar os múltiples e novidosos proxectos que se están a levar a cabo nesta instalación situada na Serra da Loba, entre os concellos de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña). Os membros da ONU tiveron unha parada especial na recentemente aberta vivenda bioclimática. A visita de SOS Futur ao territorio galego aproveitarase para facer unha análise do modelo e da experiencia galega no contexto enerxético, sobre todo no plano eólico.

Instituto Francés de Agadir (Marrocos)

 

Por outro lado, o Parque Eólico Experimental Sotavento tamén foi escenario e principal referente da viaxe a Galicia dun numeroso grupo de alumnos do Instituto Francés de Agadir (Marrocos), que visitaron a nosa comunidade interesados en proxectos de aforro enerxético e respecto ao medio ambiente.

Durante as máis de 3 horas de visita que este grupo marroquí pasou nas instalacións de Sotavento, mostrou especial interese polas variadas tecnoloxías de captación solar empregadas nesta instalación e polo proxecto experimental de acumulación de enerxía eólica en forma de hidróxeno.

Sociedade