A memoria levounos a Venezuela

A memoria levounos a Venezuela
19 de Xaneiro, 2021 - 01:38 h. | Publicada por Radio Fene

Fene na memoria arrancou coa alegría de Palito Ortega e acabou cos recordos da emigración en Venezuela da protagonista no programa de hoxe, Aurora González Barcia.

ESCOITA O PODCAST:

Aurora González Barcia, veciña de Fene, foi a protagonista indiscutible do programa que os Servizos Sociais de Fene ofrecen cada martes a través de Radio Fene. Con ela seguimos os retos, adiviñas musicais e vivimos un episodio vital moi interesante relacionado coa súa emigración en Venezuela desde os 6 ata os 24 anos. Alí estudou Maxisterio e foi mestra da Irmandade Galega de Caracas onde coñeceu a Celso Emilio Ferreiro. Volveron de Venezuela para vivir no mesmo lugar de onde marcharon, en Fene á beira do rio Cádavo. A casiña da avoa converteuse nun edificio de cinco pisos desde onde ve orgullosa a súa preciosa horta, un muíño e os cabalos que trotan por alí.

O programa "Fene na memoria" que coordina a pedagoga municipal, Mª Xosé Paz (na imaxe) pillouna cociñando pero non se despistou á hora de acertar con moito tino as cancións propostas polo psicólogo Jaime Lendoiro; “La felicidad” de Palito Ortega e “Catro vellos mariñeiros” na versión de Xoán Rubia. Lendoiro lanzou o reto para traballar na casa durante esta semana. Quizás o próximo martes poidamos ver o resultado. Trátase de que os participantes no programa municipal “Tardes activas” escriban un microrrelato, de 100 palabras como máximo, que conteña as palabras: “ museo, raposo, encargada e amor”. Poden entregarse no centro dos Servizos Sociais de San Valentín ou envialos ao correo electrónico servicios.sociais@fene.gal

Sociedade

Publica o teu comentario agora