A memoria musical de Juangui

A memoria musical de Juangui
12 de Xaneiro, 2021 - 01:32 h. | Publicada por Radio Fene

"Cando cantamos "En pe" en Betanzos paráronos a actuación. Era polo ano 1975". Así lembra Juan Guillermo Vargas - Juangui- aqueles anos nos que cantar podía conlevar problemas coa xustiza.

ESCOITA O PODCAST:

Juan Guillermo Vargas- Juangui- foi o protagonista esta mañá no programa “Fene na memoria” que emite Radio Fene cada martes ás 12h especialmente para os usuarios e usuarias dos talleres de memoria municipais de Fene. Coa responsable dos obradoiros, a pedagoga Mª Xosé Rodríguez e co psicólogo Jaime Lendoiro, Juangui acertou á primeira as dúas canción propostas “Amoriños” de Juan Pardo e “ Eloise” de Tino Casal, deixando en bo lugar ao músico que foi durante moitos anos, e que sigue sendo.

O reto que Jaime Lendoiro lanzou para que os usuarios e usuarias fagan na casa consiste en escoller unha canción. Antes de escoitala intentarán escribir a letra nun papel. Cando por fin a escoiten comprobarán os fallos ou os baleiros que quedaran e completarán a letra. Acto seguido deben convocar os recordos que lles trae esa canción, o lugar onde a escoitaban, con quen, etc… Juangui adiantounos que o intentará cunha de Juan Pardo, “ En pe” adicada a Castelao. Unha canción que lles trouxo algún susto nos anos 70 cando o seu grupo a interpretou nun baile de Betanzos onde lles pararon a actuación e lles insinuaron que non volveran cantala.

Falando de cantar, outro cantar foi o refraneiro que nos deixou Jaime Lendoiro para que maquinemos nel:

“ O amor é lume, pero nel non ferve o caldo”

“ Quen con lobos anda, a ouvear aprende”

“ Aos ricos, ata lles paren os bois”

Deixamos a Juangui no seu paraíso particular, San Valentín, onde de pequeno collía berberechos. "Antes isto era unha xunqueira e hoxe un lugar ideal para pasear. Estou contento de ter volto aquí".

 

(Na imaxe, o grupo Los Zares con Juangui e Sito Sedes no centro da imaxe) 

Sociedade

Publica o teu comentario agora