Menos galegos, menos galegas

Menos galegos, menos galegas

23 de Xuño, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

O número de nacementos descendeu en Galicia en 2014 en 101, situándose en 19.626, mentres que a taxa de defuncións caeu un 1,6 por cento. A Comunidade galega rexistrou o peor saldo vexetativo de poboación de todo o Estado, coa perda de 10.299 habitantes. Así o recolle o Instituto Nacional de Estatística (INE) no estudo 'Movemento Natural da Poboación' que  reflicte os indicadores demográficos básicos de 2014.

O INE indica que a taxa bruta de natalidade en Galicia é de 7,2 nacementos por mil habitantes, a segunda máis baixa, tras a de Asturias (6,3), mentres que a media nacional está en 9,1. Pola súa banda, as defuncións en Galicia reducíronse en 508, quedando nun total de 29.925 en 2014. A Comunidade galega conta coa terceira taxa bruta de mortalidade máis elevada de España, de 10,9 por mil habitantes, por encima da media española de 8,5. En canto a a esperanza de vida ao nacemento, en Galicia está nos 83 anos, o que iguala a media nacional e colócaa como a oitava autonomía coa cifra máis elevada. A enquisa tamén rexistra os casamentos. En Galicia houbo en 2014 8.799 matrimonios, o que supón 226 máis que o ano anterior. A idade media ao matrimonio mantivo a súa tendencia crecente ao situarse en 36,9 anos para os homes e 34 para as mulleres no Estado.

Sociedade