Mercedes Peón presenta un album maduro, fresco, creativo e conceptual

Mercedes Peón presenta un album maduro, fresco, creativo e conceptual

09 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Mercedes Peón presenta esta semana en Vigo e A Coruña o seu último disco, ‘S.O.S.’, unha vangardista produción aclamada pola crítica internacional que se mantén, por segundo mes consecutivo, á cabeza da World Music Charts Europe. Enmarcados na programación sociocultural de Novacaixagalicia, o primeiro dos recitais terá lugar este xoves no Centro Cultural da entidade en Vigo, ás 20.30 hora

Será a primeira vez que se interpreten en directo os temas deste complexo disco no que “a electrónica se trata como acústica e o acústico, como electrónico”, como resalta a promoción da instrumentista nacida na Coruña no ano 1967, que cataloga o álbum como “maduro, fresco, creativo, enxeñoso e profundamente conceptual”. 

Acompañada por catro músicos e un importante despregue tecnolóxico, no escenario convivirán gaitas, samplers, guitarras eléctricas e pandeiros para mostrar ao público a riqueza do seu cuarto álbum.

Nalgunhas das composicións de S.O.S., definido pola propia artista como “microcomposicións”, o concepto electroacústico está moi presente, ao reproducir ambientes e ruídos que dan unha tensión especial a este traballo “caoticamente entrelazado, que pretende”, destaca a promoción, “chamar a atención sobre os clixés que manexamos e dar espazo ao singular”.

As entradas para estes dous concertos de Mercedes Peón están xa á venda nas canles habituais de distribución da entidade, a un prezo de entre 7,95 e 10,75 euros.

Cultura