Mes do Humor

Monólogos e visitas no museo do Humor de Fene
28 de Outubro, 2019 - 11:10 h. | Publicada por Radio Fene

O alumnado do CPI Cruz do Sar de Bergondo visitou o Museo do Humor de Fene. Os estudantes de 2º da ESO percorreron as instalacións e visitaron a exposición “Premios Curuxa 2019”, que permanece aberta ao público ata o 16 de novembro. O mes de novembro, o museo acolle os monólogos do mes do humor.

Visitas

Alumnos e alumnas de segundo curso da ESO do CPI Cruz do Sar de Bergondo (na imaxe) desprazáronse a semana pasada a Fene para participar nunha visita guiada ao Museo do Humor e achegarse á exposición Premios Curuxa 2019. A iniciativa enmarcouse no programa de visitas guiadas que ofrece o Concello de Fene para grupos escolares, asociacións ou colectivos. Estas visitas poden tamén complementarse con algunha proxección audiovisual ou taller. A duración das mesmas varía en función da idade dos participantes e prográmanse de luns a venres en horario de mañá. Son gratuítas e, para reservar unha visita guiada ao Museo do Humor de Fene, cómpre chamar ao teléfono 981 342 400 (de luns a venres en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico ao  enderezo museodohumor@fenecidadan.gal ou museodohumor@gmail.com.

Novembro mes do humor

O concello de Fene pon en marcha o ciclo de monólogos “Novembro, Mes do Humor". Un ciclo no que tomarán a palabra os cómicos e humoristas Avelino González, Manquiña, Vero Rilo e Faia Díaz (A Patacón), Quico Cadaval e Pepo Suevos. Arranca este xoves 31 de outubro e continúa todos os venres do mes de novembro no Museo do Humor de Fene, con entrada de balde pero con necesaria retirada de convite (o mesmo día do espectáculo). As funcións desenvolveranse a partir das 20 horas.

Cultura

Publica o teu comentario agora