Miles de visitantes achegáronse a Vilalba para degustar un bo San Simón

Miles de visitantes achegáronse a Vilalba para degustar un bo San Simón

05 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Un bo número de visitantes, que chegaron a superar o millar, acudiron durante toda a fin de semana a Vilalba a degustar e mercar un dos produtos estrela do campo chairego, o Queixo de San Simón, cuxa festa cumpriu, a súa decimosexta edición. Pero é que ademais houbo tempo tamén para a artesanía, posto que houbo espazo na Praza da Constitución para poder adquirir produtos e materiais da cultura popular galega, así como outras variedades de queixo

A apertura oficial a puxo o propio sábado, contra as 12.30 horas, o periodista e deportista chairego Toni López, que puxo de manifesto que o campo galego e vilalbés ten, no queixo de San Simón, un exemplo perfecto de cómo engadir valor aos produtos agrogandeiros e poder avanzar e saír da crise que vive este sector produtivo na actualidade. O alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, redundou nesta idea, ao considerar a esta exclusiva variedade de queixo como “unha perfecta tarxeta de visita e un gran embaixador de Vilalba por España e polo mundo”, e destacar a calidade do produto.

Pero antes da intervención do actual campión de España e actual número 5 de Europa  de Iudo para invidentes, centos de persoas xa desfilaran polos postos da Praza da constitución, para comezar a dar boa conta das 3.500 pezas de San Simón que se puxeron á venda en Vilalba. De que o paseo fose mais ameno encargouse a Charanga de Vilalba e o grupo de gaitas “Entre Lusco e Fusco”, que desde as 11 da mañá encheron a vila de música cos seus pasarrúas.

Tras o pregón de Toni López, diferentes representantes do Concello e da Asociación de Queixeiros premiaron aos gañadores do II concurso de Tapas do Queixo de San Simón, que resultaron os bares Trébol, Alborada, Xalundes e Plácido, así como o Parador de Vilalba, que se fixo co premio á tapa de deseño.

A festa e a música popular quedaron para a noite, a partires das 22.00 horas, posto que houbo un concerto co grupo de As Pontes “Muxarega” e “A Roda”.

O domingo a 16ª edición da Feira pechouse ás 15.00 horas, non sen antes voltar a desfrutar da música da charanga de Vilalba e “Entre Lusco e Fusco”, e da tradicional sesión vermú, que comezou as 14.00 horas coa orquestra “Montes”.

Sociedade