Mini e Mero, recuperadores e transmisores da cultura popular galega

Mini e Mero, recuperadores e transmisores da cultura popular galega

02 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os chairegos Mini e Mero recibiron, o pasado 24 de maio, o prestixioso premio Pedrón de Ouro 2009 pola súa traxectoria como músicos e pola súa labor como recuperadores e transmisores da cultura popular galega. Desde a organización do galardón, a Fundación Pedrón de Ouro, salientaron o “traballo realizado desde 1972 para recuperar e transmitir o patrimonio oral de Galicia”.

Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, (Begonte, 1951) e Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, (Vilalba, 1951) destacan pola súa vinculación á música popular e ao folklore, tanto desde un punto de vista interpretativo como investigador, xa que tamén brillan pola súa labor como recuperadores da memoria colectiva e popular de Galicia a través da súa tradición oral e musical. Cabe destacar o seu traballo de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas sobre a súa bisbarra natal, a Terra Chá, e nas zonas onde exercen a súa profesión de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini). O seu arquivo sonoro, froito dunha ímproba vontade de recuperación, está composto por milleiros de cancións populares e foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade.

No campo educativo son autores de diversos libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primaria. A súa biografía musical fala ben ás claras desta vinculación co universo folk, xa que os dous formaron parte do núcleo fundacional dun dos grupos mais sobranceiros desta tendencia musical en Galicia, Fuxan os Ventos. A súa experiencia nesta formación durou 12 anos, desde 1972, data de comezo de Fuxan, ata 1984, cando fundaron A Quenlla, á que pertencen na actualidade. Pedrón de Ouro é un galardón que pretende homenaxear aquela personalidade ou entidade vivas e residentes en Galicia, que se teñan destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura galega ao longo do ano ou a traxectoria dunha vida.

Cultura