Minutos para medianoite

Minutos para medianoite
07 de Maio, 2020 - 11:10 h. | Publicada por Radio Fene

Conectar a cultura humanística coa científica, chamar a atención sobre o mundo e retar á poesía lírica. Todo iso é  "Minutos para medianoite" escrito a dúas mans por Xavier Queipo e Ramón Neto, dous autores galegos residentes en Bruxelas.

ESCOITA O PODCAST:

Despois da lectura do libro, lembro que os parasitos son organismos que viven en asociación con outros dos que retiran os medios para a supervivencia. Non é o caso,xa que aquí trata de cooperación entre iguais. Non é corrente escribir un libro a catro mans, un libro de poesía como  “Minutos para medianoite” que enfrontaron xuntos Xavier Queipo e Ramón Neto, desde o seu exilio en Bruxelas onde o primeiro, Xavier Queipo (Santiago, 1957. Licenciado en Bioloxía e Medicina e Cirurxía) reside desde 1989, traballando como funcionario da Unión Europea. Ramón Neto (Illa de Arousa en 1975 e licenciado en Filoloxía Inglesa pola USC) reside en Bruxelas desde 1998, onde se dedica ao ensino do inglés. A idea do libro compartido empezou no obradoiro de poetas ao que pertencen en Bruxelas onde se propuxo facer un libro de poemas colectivo que finalmente foi de dous.

O reto que se propuxeron os nosos convidados foi xuntar as dúas culturas, a humanística e a científica, que tantas veces aparecen separadas, e utilizar  formalmente novas técnicas. Cada poema dun podía ser reformado polo outro, interferir sempre que o xustificase, así que o resultado non é exactamente unha obra ao 50%. O libro chama a atención sobre o mundo e ten unha máxima “A beleza da natureza é sinónimo de perigo”. Detrás dos autores hai preocupacións ecolóxicas pero tamén unha conciencia e unha mente abertas sobre a poesía, un desafío ao lírico. Apuntan que tamén queren demostrar que en galego se pode falar de todo. Este libro fala de bioloxía e biofísica, e tan a gusto.

O coronavirus entrou na conversa, como non, a pesar de que “Minutos para medianoite” publicouno Galaxia en xullo de 1919. Ramón Neto pasa o confinamento teletraballando cun pequeno ao que hai que atendertodo o día. Xavier xa está afeito a estar encerrado na casa. A novidade deste encerro obrigado foi descubrir ese cuarto da casa chamado cociña “moi interesante e onde se pode fedellar tres veces ao día".

A través de videoconferencia, o clube de lectura de Radio Fene Radiofusión conectou Galiza  con Bruxelas. Daquel lado os autores e deste os seus lectores, Esther Val, Andrés C.M. Riveira e Henrique Sanfiz.

Cultura

Publica o teu comentario agora