Miró chega á Coruña

Miró chega á Coruña
18 de Febreiro, 2021 - 10:59 h. | Publicada por Radio Fene

A exposición sobre Miró chega por fin á Coruña cun mes de retraso a causa da situación sanitaria. A exposición "Miró. Unha colección" abrirá as súas portas ao público este sábado, 20 de febreiro, reducindo o aforo ao 30% e respectando todas as medidas de prevención de Covid-19 actuais. Co fin de que o maior número de persoas poida visitar a exposición, a Fundación Barrié ampliou a súa apertura tamén aos luns, polo que se poderá visitar de luns a domingo de 11h a 14h e de 17h a 20h. Esta exposición, cuxa inauguración inicial estaba prevista para o pasado 30 de xaneiro, permanecerá aberta até o 16 de maio.

A Fundación Barrié presenta a exposición Miró. Unha colección, con 47 obras de Joan Miró (Barcelona, 1893 - Palma de Mallorca, 1983), un referente ineludible na historia da pintura europea e un dos artistas máis influíntes do século XX.  Pintor, escultor, ceramista e gravador, foi un dos máximos expoñentes do Surrealismo e un dos artistas españois con maior proxección internacional, cuxa obra chegou a exercer gran influencia tanto sobre os seus contemporáneos como sobre as xeracións posteriores. Con esta exposición a Fundación Barrié retoma a súa liña de exposicións temporais de pintura de interese histórico que pretende achegar a Galicia o mellor da arte nacional e internacional.

Neste marco presentáronse mostras de grandes artistas como Pablo Ruiz Picasso, O Greco ou Joaquín Sorolla, entre outros. 40 das obras proceden da Colección que a Fundación Mapfre mostra no seu «Espazo Miró» en Madrid, cedidas por diferentes propietarios como depósito temporal. A selección destas obras está composta por 35 pinturas ao óleo sobre diferentes soportes, 2 debuxos e 2 acuarelas con tinta chinesa. Aínda que na súa maioría trátase de pezas das últimas décadas, poderemos atopar pinturas de diferentes períodos e con distintos motivos: constelacións, mulleres, paxaros, estrelas e outro tipo de personaxes.

Desta maneira pódese ver como Miró retoma continuamente os mesmos temas, reinventándolos e dándolles unha nova vitalidade. Quizá o que máis caracteriza esta colección é que, aínda que por unha banda presenta as últimas décadas na traxectoria artística de Miró "un período máis descoñecido e que só recentemente comezou a recibir a atención e o entusiasmo da crítica", por outro, expón case todos os temas que interesaron ao artista desde os seus inicios. Moitas veces trátase dunha especie de reencontro con eles, o que permite outorgarlles un sentido máis pleno.

As outras 7 obras que se mostran, procedentes de coleccións públicas e privadas, únense a esta exposición co fin de contextualizar o seu proceso creativo e aproximar a figura e obra de Miró ao público dunha forma máis didáctica. Para iso crearase un espazo que acollerá a escultura de bronce Tête de Femme, de 1974. A obra final estará acompañada por todas as pezas que a preceden, como os debuxos preparatorios, o modelo en arxila pintada, primeiro, e os modelos en xeso, despois. Desta forma o visitante ten a ocasión de acompañar ao artista ao longo do seu proceso creativo, desde o seu pensamento plasmado en debuxos con poucos trazos até a obra culminada. A exposición está dividida en 5 apartados: "Mulleres, paxaros, estrelas"; "Cabezas"; "O signo e o xesto"; "Desafío á pintura" e "O proceso creativo de Joan Miró".

(Na imaxe, "Femmes e oiseaux II" de Miró. 1969)

Cultura

Publica o teu comentario agora