A mirada máxica e irónica de Álvaro Cunqueiro

A mirada irónica e máxica de Álvaro Cunqueiro
12 de Novembro, 2020 - 09:27 h. | Publicada por Radio Fene

A literatura é omnipresente na obra de Álvaro Cunqueiro. Non importa se escribe sobre xornalismo, gastronomía ou unha guía de viaxes, todo é literario. A realidade non é quen de burlar o seu ollar máxico e irónico.  A Casa museo de Cunqueiro recibirá ás persoas visitantes en Mondoñedo, no 2021, ano no que se cumpren os cento dez anos desde o seu nacemento.

ESCOITA O PODCAST:

Carlos Aguado conversa con César Morán sobre o libro "Haberá primavera" e en torno á obra de Álvaro Cunqueiro

http://173.255.131.18/audio/121120MORAN.mp3

Clube de lectura de Radio Fene Radiofusión

O profesor César Morán retrata a un Cunqueiro amable e natural, consciente da importancia do seu traballo pero sempre desde a máis pura humildade. Desde a súa morte en 1981 ata o día de hoxe, a obra de Cunqueiro experimentou un coñecemento exponencial. Pola nosa parte, agardamos que esta peza continúe espallando o legado do autor mindoniense.
No 2011, e coincidindo co centenario do seu nacemento, publícase o libro-disco Haberá primavera. En Radio Fene, tivemos a oportunidade de afondar nese proxecto e na figura de Cunqueiro a través dunha entrevista co profesor Cesar Morán. El foi quen promoveu esta homenaxe motivado pola súa paixón cara a obra do escritor.
O libro é un poemario cunha coidada edición en pastas duras e dous CDs. Un deles recolle os poemas musicalizados e o outro, a gravación inédita dunha entrevista ao escritor. Ademais, inclúe debuxos de Luís Seoane que xa ilustraran outros libros de Cunqueiro como Mar ao Norde (1932) e Poemas do si e non (1933).
A proposta de César Morán e da Editorial Galaxia é accesible para calquera lector, xa sexa un especialista en literatura ou alguén máis profano. Isto é posible grazas as explicacións do propio Cesar Morán sobre os poemas. A través de cada un deles, redescubrirase a lírica de Cunqueiro, especialmente aquelas pezas máis reflexivas e onde converxen varios xéneros literarios.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora