Miro con envexa a Portugal

Miro con envexa a Portugal
29 de Abril, 2020 - 11:35 h. | Publicada por Radio Fene

O catedrático de Historia Moderna da USC, Isidro Dubert, fálanos das últimas pandemias mundiais, a gripe española de 1918 e a rusa de 1889, as que máis se parecen á do Covid19.

ESCOITA O PODCAST:

“Se algo nos deixou ver esta pandemia é o fracaso das políticas asistenciais e o impacto que isto terá no futuro” afirma o catedrático de Historia Moderna na USC, Isidro Dubert. En relación á primeira reflexión, Dubert explica que quedou ao descuberto o negocio que se fixo coas persoas maiores privatizando as residencias e o efecto das políticas sociais na sanidade. As implicacións a futuro pasan, segundo as súas palabras, por acentuar a situación anterior á pandemia que padecía o noso país; desmantelamento industrial, perda do tecido produtivo, perda do sistema bancario e unha Galicia inmersa nun proceso de turistificación. “Ese escenario vaise agravar e o maior impacto demográfico volverá ser a emigración” conclúe o profesor Dubert. Porque, nenos consecuencia do confinamento non van nacer, non imos recuperar a natalidade por aí.

As pandemias

Falamos con Isidro Dubert das pandemias, das que se produciron desde o século XIX ata hoxe. Os crentes dirán que son un castigo divino, consecuencia dos nosos pecados, pero non, forman parte dun proceso que combina diferentes factores, declara o profesor da Universidade de Santiago. E cita dous elementos fundamentais, o quecemento climático, que crea o ambiente propicio, e a mundialización, a gran capacidade que temos de movernos polo mundo. Facendo unha viaxe ao pasado, Dubert condúcenos cara atrás polas epidemias máis letais; 2009-2010 a gripe porcina; 1997 a gripe aviaria; 1996 a das vacas tolas; 1981 a SIDA; 1976 o ébola, pero as que máis se asemellan á do Covid19, conclúe Dubert, son a denominada gripe española de 1918-1919 e a gripe rusa de 1889-1890. Teñen dous elementos en común, que os animais foron os transmisores, afirma o profesor Dubert, e a grande expansión que adquiriron. Pon o exemplo da gripe rusa que brota en Siberia, pasa por San Petersburgo, en seis semana expándese por toda Europa e en seis meses afecta a todo o mundo. Na expansión da gripe española de 1918 tivo moito que ver o movemento das tropas da primeira guerra mundial. Foi a máis letal con cifras que falan de 60 millóns de mortes, case o 3% da poboación mundial nese momento.

Se esta crise do coronavirus se comporta como as anteriores, Isidro Dubert non descarta que pasemos por tres vagas e polo tanto rebrote no outono deste ano e no inverno do 2020-2021.Dependerá da vacina e da inmunización. Isidro Dubert pasa o confinamento coa familia, lendo, estudando e mirando pola fiestra en dirección a Portugal, con envexa de como afrontou este país europeo a crise e lamentando que nós puxeramos en risco aos sanitarios do noso país.

Sociedade

Publica o teu comentario agora