Mobilízate pola selva

Mobilízate pola selva

05 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Esta é a proposta e o chamamento que nos fan dende o Ceida (o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), para que participemos na campaña de reciclaxe de móviles impulsada polo Instituto Jane Goodall.

En España existen máis de cincuenta e dous millóns de liñas de teléfonos móbiles para uns corenta e cinco millóns de habitantes. Ademais, no noso país a taxa de reciclaxe é moi baixa, ao redor do 5 por cento, o que significa que a maioría dos terminais, cando cambiamos de móbil ou éste se estropea, acaban no lixo ou gardados nun caixón.

Ademais da cuestión medioambiental, hai outro factor que salientan os promotores da iniciativa para concienciar sobre a importancia de reciclar os móbiles. Segundo explicou a Radiofusión Xulio López, o responsable da campaña no Ceida, a explotación do mineral coltán -que fai posible a tecnoloxía dos móbiles, ordenadores e consolas- está no centro dos conflitos bélicos que producen centos de miles de vítimas e refuxiados na República Democrática do Congo.

 As persoas que queiran participar na campaña do Instituto Jane Goodall, poden facelo achegando os seus terminais en desuso (en funcionamento ou non) ou recolléndoos entre amigos e familiares. Deste xeito contribuirán a reutilizar terminais e a reducir a demanda dos seus compoñentes, evitando a contaminación do medio, e a recadar fondos para os programas de educación e conservación no Congo que ten en marcha o Instituto Jane Goodall, coma o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga.

Segundo explicou Xulio Lago, o envío de móviles é gratuito. As instrucción pódense consultar na páxina web do CEIDA ou na da propia campaña (www.movilizateporlaselva.org).  Como agradecemento, o Instituto Jane Goodall sortea mensualmente apadriñamentos Chimpamig@s entre os doadores.

Sociedade