A modernidade de Scorpio

A modernidade de Scorpio
09 de Outubro, 2020 - 06:06 h. | Publicada por Radio Fene

Dúas obras en prosa destacan na traxectoria literaria de Ricardo Carvalho Calero, pero quizás Scorpio ten mais interés para o lector pola súa modernidade.

ESCOITA O PODCAST:

“A narrativa en Carvalho Calero ocuparía, no conxunto da súa obra, o terceiro lugar detrás da poesía e do teatro. Aínda así produciu dúas obras relevantes. "Sabía que a prosa tiña moita importancia”, afirma o profesor Martinho Montero Santalha. A xente da Barreira e Scorpio foron escritas en momentos ben diferentes na vida de Carvalho. “A Xente da Barreira (1951) é máis decimonónica. Scorpio é quizás máis interesante para o lector”. Scorpio publícase en 1987 na editorial Sotelo Blanco. Poderíase cualificar como unha novela histórica que describe a xeneración de mozos galeguistas republicanos, como unha xeneración truncada pola Guerra Civil, unha novela moderna cargada dunha alta dose de ironía literaria.

Martinho insiste en dous aspectos, “Hai bastante de autobiográfico, aínda que engade ficción, e xoga con elementos históricos verificables”. Ten unha intención premeditada entre memoria e ficción sobre a guerra e as súas consecuencias. Outro aspecto a ter en conta é a súa modernidade. “A orixinalidade reside en que o protagonista nunca fala, falan outros por el desde distintas perspectivas. A estrutura é orixinal, non insólita, pero pouco frecuente nese momento” explica. Será por iso que Scorpio acadou o premio da Crítica española.

Esta formulación formal pode responder á maneira de ser de Ricardo Carvalho Calero, un home moi modesto que non alardeaba de nada, firme nas súas conviccións pero respectuoso, ata o punto que “nunca respondeu aos insultos” conclúe Montero.

Cultura

Publica o teu comentario agora