Moeche da negativo en coronavirus

Moeche da negativo en coronavirus
08 de Abril, 2020 - 10:48 h. | Publicada por Radio Fene

Moeche está feliz hoxe porque deron a alta hospitalaria ao único veciño afectado polo Covid19 e porque a Residencia de maiores deu negativo nos test realizados a personal e residentes.

ESCOITA O PODCAST:

Escoita aquí a Beatriz Bascoy

http://173.255.131.18/audio/080420BASCOY.mp3

O concello de Moeche está hoxe feliz pola alta hospitalaria do único caso positivo en coronavirus dun veciño  que xa está na casa. Trátase  dun home maior que non tivo complicacións e que agora debe permanecer durante 14 dias illado no domicilio, segundo nos explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy. Pero a ledicia é dobre porque, despois do caso positivo dunha traballadora da residencia de maiores privada que existe no concello de Moeche, o Sergas fixo o test do Covid19 o pasado luns a todo o persoal e residentes desta residencia, e acaban de comunicarlle que todos deron negativo na proba.

O concello de Moeche ve como un costume ancestral na zona rural, a solidariedade entre a veciñanza para os labores do campo, volve asomar co coronavirus en forma de mascarillas. Comezaron as mulleres da AVV O Val de Moeche e seguiron outras entidades veciñais, a empresa María Barcia e outras asociacións. Moeche comezou o seu reparto entre a poboación para incrementar no posible a prevención de contaxios do coronavirus. Están feitas en tea lavable para poder usalas máis dunha vez e dispoñen de espazo para colocarlles un filtro plástico ou doutro material. Varios grupos de costura do municipio e tamén entidades e empresas doaron un total de 425 máscaras que, se ben non están homologadas, poden mitigar a posibilidade de infección nun momento en que non hai suficientes existencias no mercado. Estes elementos de protección xa empezaron a distribuírse entre as persoas usuarias do SAF e a intención municipal é achegar cando menos un por domicilio para que poida ser empregado, por exemplo, por quen deba saír facer a compra ou calquera outro desprazamento imprescindible.

“A xente de Moeche é obediente” contesta Beatriz Bascoy á nosa pregunta sobre o comportamento da veciñanza nesta crise. “A xente está nas casas, aínda que sabemos que na zona rural é máis doado o confinamento” afirma a alcaldesa. Diante da alarma sanitaria o primeiro que fixo Moeche foi suspender a Feira do Queixo, o evento máis importante dunha localidade que vive dunha produción que non pode parar “porque as vacas hai que muxilas, e recoller o leite e facer os queixos, aínda que baixara a demanda” explica Bascoy. Outros negocios que permanecen abertos en Moeche son os tres talleres mecánicos, a gasolineira, a farmacia, dous estancos, catro supermercados, as panaderías e a clínica veterinaria. Tamén permanece aberta a venda de pensos e sementes e os dous bancos pero con horario reducido. (Imaxe da Feira do Queixo de Moeche, hai un ano)

Entre outras medidas especiais adoptadas pola administración local Beatriz Bascoy fala da desinfección continua das rúas cunha sulfatadora; a suspensión dos pagos anuais das feiras, de forma proporcional ao que dure a alarma, a redución da taxa do lixo ás empresas que tiveron que pechar ou a ampliación de usuarios e usuarias na axuda a domicilio.

Institucional

Publica o teu comentario agora