A Moexmu acolle a inauguración da web da Mancomunidade da Terra Chá

A Moexmu acolle a inauguración da web da Mancomunidade da Terra Chá

02 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Moexmu foi o espazo elixido para inaugurar a nova páxina web da Mancomunidade da Terra Chá, www.mancomunidadeterracha.com. O stand desta institución supramunicipal, instalado no recinto da XXV edición desta feira, disporá dunha pantalla táctil na que se poderá acceder á páxina, que estará dispoñible para todos os internautas desde mañá venres.

A web terá como obxectivo principal ser un portal de información sobre a oferta turística dos cinco concellos que forman parte desta organización: Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza, Outeiro de Rei e Abadín. Esta nova ferramenta será unha guía rápida e de fácil acceso para todos aqueles que decidan achegarse ata esta zona para coñecer de primeira man os seus puntos de interese máis relevantes.

Os contidos incluirán mapas, rutas culturais e naturais, aloxamentos ou restaurantes en cada un dos concellos asociados. Poderanse xestionar e programar visitas a castros, espazos verdes, festas ou lugares onde practicar deporte.

Por outra banda, durante toda a fin de semana distribuiranse na Moexmu folletos que recollerán algúns dos aspectos máis importantes dos municipios da comarca como son o Castro de Viladonga, as lagoas de Cospeito e Fonmiñá, Penas de Rodas ou a Serra do Xistral.

O stand quedará instalado na parte central do recinto feiral de Muimenta (Cospeito), ao lado do hórreo, a disposición de todo aquel que desexe saber máis dos atractivos da rexión chairega.

Sociedade