Moito peso cultural no outono

Moito peso cultural no outono
21 de Xullo, 2020 - 02:22 h. | Publicada por Radio Fene

O Ciclo Día da Patria Galega ten datas alternativas, fixadas entre novembro e decembro. Coincidirán co Novembro mes do Humor e con actos relacionados co Xacobeo21. O Parque Liñal do Cádavo acollerá este venres dia 24 o acto institucional co gallo do Día da Patria Galega.

A Corporación Municipal e maila veciñanza que queira participar do acto reuniranse no monumento que conmemora a data -situado no Parque Liñal do río Cádavo- para escoitaren a xa tradicional declaración institucional. Da súa lectura encargarase nesta ocasión a artista local Carme Romero Díaz, impulsora da Escola de Cerámica do Muíño do río Va, en Maniños. O acto terá lugar ao pé do monumento "25 de xullo. Día da Patria Galega", situado no Parque Liñal do Rio Cádavo. Nel intervirán, ademais da ceramista, o Concelleiro de Cultura, Justo Martínez e o rexedor local, Juventino Trigo. Tamén están convidadas e convidados os demais compoñentes da Corporación Municipal e toda aquela veciñanza que se queira sumar a un evento que finalizará cunha ofrenda floral e co Himno Galego interpretado por un grupo de gaiteiros de Airiños de Fene. Lémbrase a obriga de asistir con máscara e de gardar a distancia de seguridade mínima de polo menos 1,5 metros.

O ciclo do Día da Patria, para o outono.

A celebración do 25 de Xullo en Fene rodeábase habitualmente de numerosos eventos culturais ao longo de todo o mes, principalmente musicais, que se desenvolvían na súa maioría na Praza do Alcalde Ramón Souto González. O Concello tiña practicamente pechado o programa aló polo mes de febreiro e, debido á crise sanitaria, barallou tres posibilidades: suspender as actividades, agardar a ver como evolucionaba a pandemia sen moverlles a data ou adialas para o outono, como así se decidiu finalmente, e facéndoas de maneira descentralizada, co obxectivo de apoiar o labor de dinamización que desenvolve o tecido sociocultural do municipio.

O Ciclo Día da Patria Galega ten datas fixadas entre novembro e decembro con actuacións variadas nos locais das entidades. Os espectáculos -que comprenden música, humor e circo- fináncianse con fondos municipais e co programa da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Polas datas elixidas, a programación do Día da Patria irase alternando co ciclo de monólogos "Novembro, mes do humor" que comezará o venres 6 de novembro -día en que se entregarán tamén os premios Curuxa de Humor Gráfico que se fallan este mércores- e que se prolongará todos os vernes seguintes até o 27 de novembro.

Fene contará durante todo o mes de novembro con actividades culturais todos os venres e sábados que practicamente engancharán co programa do Nadal . Ademais este ciclo irá precedido doutras citas durante o mes de setembro, dentro do programa Cultura no Camiño+ da AGADIC con motivo do Xacobeo 21. A convocatoria abriuse recentemente a todos os municipios galegos (non só aos das rutas xacobeas) e, no caso de Fene, contaremos o 19 de setembro coa Compañía Asacocirco nos arredores do CPS de San Valentín, o 25 de setembro co monólogo de David Amor na Casa da Cultura e para rematar, o 26 de setembro O Sonoro Maxín no local social do ACRD O Pote de Maniños.

(Na imaxe, o grupo De Vacas, tras a súa actuación no Ciclo do Día de Galicia. Fene. Xullo 2019)

Institucional

Publica o teu comentario agora