Morre un home en Fene atropelado polo tren

Morre un home en Fene atropelado polo tren

04 de Febreiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un home faleceu ao ser arrolado por un tren en Fene. O suceso produciuse preto das catro da tarde a uns cincocentos metros do apeadeiro de Perlío nas inmediacións da rúa Tellerías. Até o lugar desprazouse a Garda Civil de Fene e efectivos de Protección Civil. Tamén se achegou o alcalde do municipio, Gumersindo Galego, para coñecer o ocorrido. O xuiz de garda autorizou o levantamento do corpo.

O tren de Renfe saíra ás 14:30 da Coruña, con destino a Ferrol e permaneceu parado 90 minutos no lugar do suceso, aínda que non foi necesario o transbordo de viaxeiros nin afectou a outros servizos ferroviarios, explican fontes de Renfe.
Segundo sinalan desde o operativo, o home, que residía no lugar de Conces e tiña máis de 80 anos, estaba a camiñar pola vía para dirixirse cara ao centro da terceira idade cando foi arrolado. Cubríase cun paraugas para resgardarse da forte choiva e do vento que arreciaba a esa hora, o que puido provocar que non ouvise nin vise o convoi.

 

Sociedade