Mortes de andar por casa

As mulleres concentradas onte en Ferrol contra os últimos feminicidios fixeron ruído, fartas de minutos de silencio.
13 de Marzo, 2019 - 09:59 h. | Publicada por Radio Fene

Xuntáronse máis persoas que outras veces cando matan a unha muller pola mera razón de selo. A Praza de Armas acolleu unha concentración "ruidosa" na que se depositaron flores brancas en recordo das tres mulleres asasinadas na fín de semana, dúas delas galegas.

Ruído é o que hai que facer, máis ruído para que se escoite a raiba de ver como nos matan. Instrumentos artesáns feitos a man como tantas cousas que as mulleres facemos coas nosas mans. Menos matar, case de todo o que nos propoñamos. Unha simple botella de plástico, das pequenas, forrada de cor lila e rechea de garabanzos. Con esas maracas medio cento de mulleres fixeron ruído onte na Praza de Armas de Ferrol e depositaron flores brancas na silueta pintada no chan que representa a cada unha das mulleres asasinadas estes dias próximos ao 8 de marzo ( María Aboy, Estrella Domínguez e Gloria Tornay) e a todas as que quedaron no camiño.

Do manifesto que leron quedamos con tres ideas:

"Somos putas, provocadoras, malas pécoras, traidoras, cabronas..." Así se xustifica que merezamos un castigo. (Noticia no diario italiano La Repubblica): "Absuelven a dos acusados de violación porque a víctima era demasiado masculina". Na defensa dun dos acusados díse textualmente. "Nin siquera lle gustaba a rapaza".

Os grandes medios de comunicación sempre engaden, tras dar a noticia dun novo feminicidio, que "a muller non tiña denunciado". Semella que así se exculpa a quen corresponda de non ter velado pola seguridade da difunta. As máis das veces fan o interviu aos veciños de escaleira que sempre responden " Quien lo iba a pensar. Parecía tan buena persona".

Que xa van máis mulleres asasinadas polo terrorismo machista, desde que se rexistran os datos e son oficiais, que víctimas de ETA no seu conxunto. E de que maneira tan diferente se tratan unhas e outras víctimas. Unhas son políticas e outras de andar por casa.

Sociedade

Publica o teu comentario agora