A mostra itinerante do “Premio Jesús Núñez” chega a Fene

A mostra itinerante do “Premio Jesús Núñez” chega a Fene

22 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un total de trinta obras de diferentes técnicas gráficas amósanse estes días na Casa da Cultura de Fene. A exposición, correspondente ao “III Premio Internacional de Artes Gráficas Jesús Núñez”, recolle unha compilación dos mellores orixinais presentados ao certame na súa última edición.

“Invisible Darkness”, unha xilografía en papel Migieshi montada sobre papel Arte a dúas tintas, é a peza que encabeza esta mostra do “III Premio Internacional de Artes Gráficas Jesús Núñez”. A obra, da xoven artista madrileña Eva Santín, foi seleccionada por unanimidade do xurado como a gañadora de certame. Pero tamén se amosan na exposición os dous accesits concedidos no concurso: “Series continentes. La hilandera”, unha xilografía á auga con impresión dixital sobre film, de Alicia Candiani, e “Retrospectiva”, grabado en plástico a unha tinta, de Alberto César Lavera. Xunto a elas, o xurado do certame seleccionou outras vintesete obras que tamén se recollen na exposición, incluídas as dos galegos Alberto Fojo, Cristina Brea, Anne Heyvaert e Xosé Poldras.

Segundo o comisario da mostra, Pedro Galilea, o “Premio Interncional de Artes Gráficas Jesús Núñez” é unha iniciativa da Deputación da Coruña coa que se pretende “apoiar a creación no campo das artes gráficas, ademais de recoñecer o labor do fundador do Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos”.
 

Sociedade