Mozos europeos conviven en A Coruña a través de COGAMI

Mozos europeos conviven en A Coruña a través de COGAMI

14 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Baixo o lema “Poder en igualdade:cara o empoderamento das mozas con discapacidade”, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia este sábado día 15 de febreiro, un intercambio xuvenil transnacional que vai xuntar no albergue de Gandarío durante seis días a un grupo de 20 mozos e mozas en situación de discriminación social, con idades comprendidas entre 16 e 30 anos, procedentes de Portugal, Grecia, Irlanda e España.

Este programa de convivencia nace co obxectivo de concienciar e sensibilizar á xuventude con menos oportunidades querendo involucrar ao resto da sociedade na responsabilidade de abordar a dobre discriminación exercida nas mozas con discapacidade. Esta discriminación vén motivada, en primeiro lugar, pola discapacidade e, en segundo lugar, pola condición de xénero. 

As entidades que participan no intercambio que organiza COGAMI son: ¨      

ANTIGONE (Information and Documentation Centre on Racism, Ecology, Peace and Non Violence) de Grecia. É unha ONG constituída en 1993 en Salónica que ten por obxectivo a mellora das condicións e da calidade de vida dos grupos sociais chamados “sensibles” ou “vulnerables”, que moitas veces son obxecto de discriminación (inmigrantes, refuxiados, persoas con discapacidade, reclusos…)¨      

CRPG (Centro de Reabilitação Profissional de Gaia)da vila lusa de Vila Nova de Gaia. É un centro público que promove a integración ou reintegración en activo e a vida profesional das persoas con discapacidade. O CRPG desenvolve a súa actividade no ámbito da rehabilitación e reintegración das persoas con discapacidade nas dimensións persoais, sociais e profesionais.¨      

Brothers of Charity Services South East de Irlanda, unha ONG que ofrece servizos residenciais e de día para adultos e nenas/os con discapacidade intelectual. O seu obxectivo é facilitar a inclusión da persoa en todos os aspectos da vida.¨      

COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). ONG constituída no ano 1990 e que ten como misión conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e a promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación e coordinación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas. 

Este proxecto está enmarcado dentro do Programa Juventud en Acción da Dirección Xeral para a Educación e Cultura da Comisión Europea e xestionado a través da Axencia Nacional española. Para que se poida levar a cabo o programa, Juventud en Acción financia o 87% do custo do proxecto a través do Fondo Social Europeo e o resto é cofinanciado polas catro organizacións sociais participantes.

Durante estes seis días de convivencia, este grupo de mozos e mozas van poder coñecer dúas cidades galegas, A Coruña e Santiago. ¨      

Sábado 15 de xaneiro é cando chegan á tardiña todas as persoas que forman parte da convivencia e que se van hospedar no albergue de Gandarío. ¨      

Domingo 16, viaxan á Coruña para visitar ás 11:00 horas o Planetario e a Casa das Ciencias. Despois do xantar, sobre as 15:30 horas visitarán o AQUARIUM  e demais lugares emblemáticos da cidade, como a Torre de Hércules, o Paseo Marítimo... ¨      

Luns 17, vai ser dedicado ao desenvolvemento de obradoiros sobre a Igualdade de dereitos e sobre a Perspectiva de Xénero. Tamén durante a mañá, preto das 12:00 horas, visitarase o centro especial de emprego Hornos Lamastelle, un obradoiro que elabora produtos alimentarios refrixerados e que forma parte do Grupo Empresarial COGAMI. Nesta empresa traballan máis de 60 persoas con discapacidade física, intelectual e sensorial, moitas delas de moi difícil inserción laboral.¨      

Martes 18, levarase a cabo outo obradoiro no que se vai tratar o empoderamento e o liderado feminino no mundo laboral. Máis tarde,  ás 10:00 horas visitarase un proxecto de emprego feminino, as redeiras de Lorbé en Oleiros. Preténdese que os/as convidadas deste programa de convivencia vexan en primeira persoa como se desenvolve un traballo de tradición feminina, como é o cosido das redes, e realizarán un obradoiro práctico onde poderán intentar crear a súa propia arte de pesca. Á tarde, a partir das 16:00 horas, farase unha visita ao centro de promoción de autonomía persoal de Bergondo (CPAP). Despois de percorrer as instalacións, van poder participar en deportes como é o boccia e o blaoncesto adaptado. Precisamente, un dos mozos que provén de Grecia xoga no equipo Paraolímpico de boccia. ¨      

Mércores 19, desprazaranse ata Santiago de Compostela onde presenciarán un obradorio sobre xénero e publicidade na Casa das Asociacións Sociosanitarias de Salgueiriños. Tralo remate deste taller, preto das 13:30 horas, haberá unha recepción oficial para o grupo por parte de Autoridades Autonómicas e Locais. Estarán presentes o Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, acompañado da Concelleira de Benestar e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, Mar Martín García, a Presidenta do Instituto Galego de Consumo, Mª Nava Castro Domínguez e a Secretaria Xeral de Igualdade, Marta González Vázquez. Pola tarde visitarán a zona monumental de Compostela. ¨      

Xoves 20, despois de celebrar pola mañá o obradoiro  de Traballo en Igualdade na Diversidade visitarán ás 13:00 horas a tenda que Hornos Lamastelle vai inaugurar en A Coruña, que venderá directamente ao consumidor o producto que elabora o centro Hornos Lamastelle e que estará rexentada por catro persoas con discapacidade. ¨      

Venres 21, a partir das 11:00 horas visitarán o DOMUS de A Coruña e voltarán aos seus lugares de orixe o Sábado día 22 de xaneiro.   

Dende o ano 2004, COGAMI vén organizando programas de intercambio con Alemaña, Italia, Grecia e Portugal. A miúdo, as persoas novas enfróntanse a diversos problemas culturais que lles dificultan a integración social por diferenzas tan diversas como as sociais, económicas, educativas, xeográficas, de saúde ou por situacións de discapacidade. No caso das persoas que son mozas e teñen discapacidade, os problemas culturais aumentan porque teñen problemas de acceso á educación, á cidadanía activa, á inclusión na sociedade,...  o que ocasiona unha discriminación clara en comparación cos seus iguais. 

A través destes intercambios, COGAMI pretende, por un lado, contribuír a remover as barreiras mentais e sociais sobre as persoas con discapacidade aportando diferentes puntos de vista, compartindo experiencias e xerando sinerxías a nivel europeo. Por outro lado, prentede facilitar o coñecemento doutros países e culturas ás persoas con discapacidade. 

Sociedade