Mugardos, porto principal de conexión con Britania

O porto principal de conexión con Britania
10 de Outubro, 2019 - 12:02 h. | Publicada por Radio Fene

Os restos amosados no Centro de Interpretación de Caldoval en Mugardos corresponden a unhas termas públicas da época do Imperio Romano, segundo a arqueóloga Susana Ricart. A historiadora localizou o xacemento en 1997 e realizou o levantamento topográfico das construcións, dirixindo posteriormente as escavacións entre o 2001 e o 2016.

ESCOITA O PODCAST:
Susana Ricart en Radio Fene Radiofusión

Ademais do complexo termal apareceu unha ampla zona porticada. O asentamento debeu ocuparse entre o século un e o quinto despois de Cristo. Son termas sinxelas, sen pinturas nin mosaicos. Tamén apareceu un amplo recinto porticado, cociñas e cinco almacéns de trinta e seis metros cadrados cada un. O asentamento debía ter algunha conexión coa vila de Noville, coa capela de San Vicente e co castro de Meá.
Dacordo cos restos da época romana atopados ata o momento, Mugardos era o porto principal para conectar o Mediterráneo coas Illas Británicas. A busca de metais era a preocupación do Imperio. Segundo Susana Ricart, para potenciar o Centro de Interpretación de Caldoval sería preciso crear alí tamén un centro de investigación cun equipo que escavara e interpretara os xacementos da enseada de Santa Lucía, Centroña e Miño.
O Centro de Interpretación de Caldoval acollerá o sábado 12 de outubro a "III Xornada sobre Mugardos Romana", unha cita que se desenvolveu con gran éxito nas dúas edicións anteriores e que contribúe a consolidar a vila como unha referencia no estudo da presenza romana en Galicia e, máis concretamente, no Golfo Ártabro. O programa terá lugar na mañá do sábado e incluirá tres relatorios nas que, de novo, haberá ocasión de deterse na importancia do pasado romano da vila mugardesa. Intervirán a profesora da UNED María Loira, o profesor de Latín do IES San Tomé de Vigo Fernando Lillo e o presidente da Asociación de Recreacións Históricas de Lucus Augusti Anxo Arias.
A entrada será libre e as persoas interesadas poden realizar a súa inscrición por correo electrónico -info@museocaldoval.gal- ou ben chamando por teléfono ao 687 072 116.
O centro de Caldoval finalizado no 2015 acolle parte do xacemento romano descuberto na enseada de Santa Lucía. Trátase dunhas termas públicas inscritas nun complexo habitado  entre o século I e o V despois de Cristo, na época do Imperio Romano.

Cultura

Publica o teu comentario agora