A muller de Xohana Torres non agarda

A muller de Xohana Torres non agarda
04 de Febreiro, 2021 - 11:29 h. | Publicada por Radio Fene

"Hai que volver ler a Xohana Torres con ollos de muller" afirma a investigadora Ana Garrido que ven de publicar o libro "Xohana Torres. Da viúva de vivo a muller navegante".

ESCOITA O PODCAST:

“Xohana Torres amósanos unha muller consciente do que significa a espera, unha condena eterna que non pode asumir. Desestabiliza así o tópico da muller galega como abnegada matriarca, protectora da casa e dos fillos”. Ese é o papel xogado pola literatura de Xohana Torres, en palabras de Ana Garrido. A iso engade o mérito de falar por primeira vez da muller emigrante, seguindo a estela de Rosalía de Castro e doutros escritores do exilio. Aí está o traballo de investigación gañador do premio Xohana Torres no 2020 que ven de ver a luz en forma de libro: “Xohana Torres: De viúva de vivo á muller navegante”. Chama a atención Ana Garrido sobre a iconografía que hai polo país adiante de “mulleres agardando” cal penélopes. Unha imaxe irreal, porque non se fala do sufrimento e do duro que traballaban esas mulleres que agardaban.

A Maxa de “Adios María” é unha muller que soña cun futuro diferente, con viaxar. “As mulleres de Torres son unha gran mostra do intento de camiñar a outro lugar que as libere das cargas tradicionais unidas á casa e aos coidados, unha condena eterna onde os demais están sempre por diante delas”. Torres critica o sistema capitalista e ve como as cidades van comendo o mundo rural, despoboándoo, pero non deixa de ser crítica con ese mundo rural tan duro e difícil que, de paso, tampouco era sostible.

Ana Garrido defende unha Xohana Torres visionaria, pioneira doutro modelo de literatura galega emancipadora. Nos anos 60-70 as mulleres marchan á emigración porque o agro non da. Neses anos de emigración a Gran Bretaña, as mulleres chegan a superar en número aos homes, apunta. Ademais da súa literatura, Xohana Torres deixou unha pegada de activista. En pleno franquismo, fai radio en galego, teatro, da conferencias. Ana Garrido quere deixarnos unha encomenda; a necesidade de reler a Xohana Torres. Antes leuse cos ollos masculinos dese período, como lle pasou a Rosalía.

Xohana Torres Fernández naceu en Ferrol o 22 de novembro de 1929 e faleceu en Vigo o 12 de setembro de 2017. Segundo Garrido, as dúas cidades marcaríana por igual. As dúas situadas en outeiros que caen sobre o mar e nas dúas conviven o traballo fabril e o agrícola.



(Na imaxe, Ana Garrido en fotografía de Judit Cendón)

Cultura

Publica o teu comentario agora