A muller no pasado máis inmediato

A muller no pasado máis inmediato

11 de Novembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

A Secretaría Xeral da Igualdade ven de publicar o último volume Época Contemporánea da colección Historia das Mulleres en Galicia, que foi presentado esta tarde na confraría de Burela, nun acto ao que asistiron a titular de Igualdade da Xunta, Susana López Abella; o alcalde da localidade, José María González Barcia; a autora, Herminia Pernas Oroza, e o patrón maior da confraría de pescadores, Basilio Otero Rodríg

Segundo destacou a responsable de Igualdade na súa intervención, Historia das Mulleres en Galicia é unha colección de catro volumes “que cubre o baleiro historiográfico referido á traxectoria das mulleres galegas desde que hai rastros arqueolóxicos ou escritos ata os nosos días”. O volume presentado hoxe fai un percorrido dende o século XIX sobre o papel das mulleres na estrutura familiar e na emigración, o traballo feminino, o remunerado e o non remunerado, a educación, os espazos de sociabilidade, a pobreza ou a prostitución, o ocio e a relixiosidade das mulleres, así como o papel do asociacionismo, a política e as protestas sociais.

Os tres primeiros volumes

O primeiro libro da colección, Prehistoria e Historia Antiga, escrito por Mar Llinares García, realiza un percorrido histórico desde os máis humildes fragmentos da Prehistoria ata a análise do movemento priscilianista, no que algúns autores lle outorgan cada vez máis un protagonismo destacado ás mulleres.

O segundo libro, Idade Media, escrito por Carmen Pallares Méndez, mostra que a dependencia, a debilidade e a inferioridade, son os trazos dominantes cos que a imaxe da muller é ofrecida desde os ambientes máis cultos da sociedade medieval, pero xunto a iso, destacan as mulleres reais, que toman conciencia do feito de selo, defenden os seus dereitos, demostran que non admiten de bo grado o dominio dos homes e tratan de avanzar nos seus dereitos, evidenciando que a causa polos dereitos das mulleres ten longas raíces.

O terceiro tomo, Idade Moderna, realizado por Ofelia Rey Castelao e Serrana Rial García, ofrece unha visión sintética da traxectoria histórica das mulleres que viviron na Galicia dos séculos XVI a XVIII. Na primeira parte expóñense as fontes de información nas que se asenta a investigación hoxe en día e o marco legal que afectaba ás mulleres, para continuar coa descripción do seu papel na vida familiar e económica, as diferenzas sociais, o seu acceso á educación e á cultura, ou as prácticas relixiosas.

Deportes