Na lancha mareábame

Na lancha mareábame
11 de Xuño, 2020 - 09:46 h. | Publicada por Radio Fene

A lancha de Maniños a Ferrol é o primeiro recordo que lle ven á cabeza a Nieves Canosa, veciña de Barallobre e participante do obradoiro de memoria "Recordando o noso". Ela foi das mulleres pioneiras en sacar o carnet de conducir na Feira de Mostras de Ferrol.

ESCOITA O PODCAST:

En lancha ou a pé.

Nieves Canosa sempre viviu na mesma casa en Barallobre onde se criou cos avós. Os seus primeiros recordos son para a lancha que collía no peirao de Maniños, con 4 ou 5 aniños. Ía coa súa avoa a Ferrol a mercar no economato da Bazán que daquelas estaba na rúa Rubalcava. “Eu mareábame cando ía mal tempo porque facía moito oleaxe” conta, como se se estivera vendo a ela mesma tantos anos atrás. Explica Nieves que as lanchas collían á xente no peirao de Maniños, no de Barallobre nunca atracaron as lanchas de pasaxe, e neste punto chancea coa rivalidade entre as dúas parroquias veciñas. A pé recorda ir á escola de nenas que daba a mestra Carmen Pazos Sanmartín, nun baixo en Nogueirido. Outros destinos da nena Nieves eran ir a pé cantando coa avoa a coller a herba nos Carballás. “Á volta a avoa cargaba co lote e e máis conmigo no colo”. A pé ía Nieves de mociña desde Barallobre á fábrica de confección en Fene para recoller a roupa que debía rematar na casa e, unha vez lista, levala de novo. “Iso era o peor porque era costa arriba polos Carballás. E xa non che mandaran repetir o labor”.

En tren e utilitario

Outro clásico que se repite en todas as participantes no programa Recordando o noso é Chamorro, onde volve a combinación lancha a Ferrol e desde o porto seguir a pé ata o monte. Nieves Canosa utilizou o tren para acudir á feira do 21 a Cabanas pero non ían con moita frecuencia. “Colliámolo na estación de Barallobre” (aquí prodúcese o empate con Maniños que non tiña apeadeiro). Finalmente, Nieves Canosa foi das mulleres adiantadas no seu tempo que sacaron o carné de conducir na Feira de Mostras en Ferrol. Ela foi quen animou a toda a familia, empezando polo home e rematando polo fillo e a filla. Lembra Nieves cando o seu home traballou na PYSBE (Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España) a maior empresa bacalladeira vasca do século XX que tiña fábrica en Ferrol. “14 anos tiña o meu home cando entrou a traballar como carpinteiro e tiña uns 30 cando pechou a empresa e entrou en Bazán. Sempre estivo moi contento na Pysbe” lembra Nieves. Co carné de conducir acábanse os outros medios de transporte. Xa todo o mundo ve as vantaxes do utilitario.

Os Satélites

Pero a convidada en "Recordando o noso" evoca outros recordos como o cine no Adriano, os bailes no salón de Maceiras, sendo moi nova, cando veu alí aos Satélites. Ou o Perla a onde acudiu a moitas vodas e onde veu a Pucho Boedo "cando estaba xa moi maliño”. E lembra tamén alí , no Perla, unha homenaxe ao médico Francisco Malvar. Nieves Canosa pasou boa parte do tempo do confinamento na cocina elaborando, entre outras cousas, o seu famoso biscoito de laranxa, do que nos ofreceu xenerosa a receita. Nieves participa nas Tardes Activas do concello de Fene, no seu grupo de Barallobre. Onte foi a convidada en Radio Fene onde se emite o programa “Recordando o noso” todos os mércores, mentres dure a alarma sanitaria. Participaron ademais a coordinadora dos obradoiros de memoria, Mª Xosé Paz e o psicólogo Fernando Bermúdez, director do obradoiro.

(Imaxe de arquivo, grupo de Tardes Activas de Barallobre)

Sociedade

Publica o teu comentario agora