Nabo, grelo, nabiza, o segredo de Galiza

A producción este ano é similar á do ano pasado
29 de Outubro, 2020 - 02:25 h. | Publicada por Radio Fene

Nabo, grelo, nabiza, o segredo de Galiza é o retrouso dunha canción de A troba do Bugallo que ven moi acaída para falarmos desta planta que ocupa unha parte moi importante da dieta galega nos meses de outono e inverno. Aportan nutrintes relevantes ao noso corpo, son abondosos, baratos e adaptables a menús tradicionais e da nova cociña. Qué máis podemos pedir?

ESCOITA O PODCAST:

“Que o bicho non as coma, porque ao non utilizar sulfatos químicos cabe ese risco”. Desde a Costa da Silva s/n, en Neda, onde se atopa a plantación Babi Agronuquel, adicada á produccion e venda de verduras e froitas ecolóxicas, a súa xerente Bárbara Rivera fálanos de nabizas e grelos ecolóxicos, sistema productivo adoptado na súa empresa. Afirma que este non está sendo un mal ano para a nabiza e agarda que siga así para cando flore o grelo. “Ten que chover pero non en exceso e que vaia frío na xusta medida. O peor é a xeada”. O prezo na nabiza está nos 2 ou 2,5€ a mada dun quilo. O grelo sempre é un chisco mais caro. En relación coas vendas, Bárbara declara que a situación está moi inestable. As tendas non teñen a mesma afluencia de clientes a causa da situación sanitaria e polo tanto son un pouco máis cáutas á hora de facer provisións.

A nabiza ven ser a folla tenra do nabo, as primeiras follas que se dan no desenvolvemento da planta. Son as primeiras en chegar aos mercados e proliferan nesta época. O grelos son os brotes tenros das follas da mesma planta que aparecen antes da floración, cando chega o frío. Normalmente a partir do mes de xaneiro. Son moitas as propiedades nutritivas destas plantas ricas en calcio que se asimila moi ben e fáinas moi adecuadas para evitar a osteoporose. É de destacar tamén o seu aporte de manganeso, cobre, potasio, magnesio e ferro.

Lembra Bárbara Rivera que tamén en temproada están o repolo, a couveflor ou o romanesco. Tamén nos ofrecen noces desde Babi Agronuquel.

Sociedade

Publica o teu comentario agora