Nada malo que dicir de Xaquín Marín

Nada malo que dicir de Xaquín Marín
03 de Xaneiro, 2019 - 11:51 h. | Publicada por Radio Fene

Aínda que o intento, non se me ocorre nada malo que dicir de Xaquín Marín. Ademais do ben que o fai, é un tipo educado, cariñoso, amigo dos amigos, xeneroso, sempre disposto a embarcarse nunha boa causa, de boa e divertida conversa.

Fala así Fausto Isorna no prólogo do libro “Tonecho” de Xaquín Marín.

 

Xaquín Marín aspira a facer obras de arte

A editorial Galaxia publicou “Tonecho”,  unha coidada recuperación da colección completa de Tonechos. Para ler e rir con vagar. Tonecho é un personaxe mítico creado nas páxinas da revista Golfiño entre o 2000 e o 2004. Tonecho apareceu como unha voz cargada de retranca, inxenua, máis de profunda sabedoría e moita crítica.

O humorismo

“O humorismo é o uso do optimismo como ferramenta para expresarse” afirma Xaquín Marín. A resposta sorprende nun humorista crítico, irónico e sarcástico coma él. Pero o presunto “optimismo” de Marín non nace da confianza nas potencialidades do humor para mudar a realidade. “O humorista non pode cambiar o que pasa, pero o noso traballo pode axudar a mellorar a vida” conclue o fundador do Museo do Humor de Fene.

Xaquín Marín ten obra en doce museos, de sete paises e de tres continentes. Marín é o humorista gráfico galego máis relevante desde Castelao, tanto desde o punto de vista formal como de contido. Ninguén innovou tanto na forma nin contou coma él as profundas mudanzas experimentadas pola sociedade galega no último medio século. Afirmao así Felix Caballero nunha das conclusións do libro Xaquín Marín, Arte e compromiso no humor gráfico galego. Marín non cre no humor gráfico de usar e tirar. Aspira a facer obras de arte, ainda que non lle gusta que se chame artistas aos que fan arte, e abofé que o consegue. Marín é un excelente exemplo de que o humor sen palabras é o máis xenuino.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora