Navantia fará o mantemento á Armada de Australia

Navantia fará o mantemento á Armada de Australia
03 de Xuño, 2020 - 11:37 h. | Publicada por Radio Fene

Navantia xestionará, mediante un Acordo Estratéxico con Australia, o sostemento das unidades navais. O acordo permitirá a Navantia Australia un notable incremento dos traballos de mantemento dos 19 barcos construídos pola Compañía.

Navantia Australia asinou un Acordo Estratéxico coa Commonwealth de Australia, polo cal se reforza a relación entre ambos os asinantes e proporciona o marco de colaboración que asegure que todos os buques actuais e futuros, deseñados por Navantia e en servizo na Mariña Australiana, están correctamente mantidos durante toda a súa vida operativa. O Acordo foi asinado en Sídney, a bordo do destrutor HMAS Hobart, polo Vicealmirante Michael Noonan, xefe da Mariña Australia, e o presidente de Navantia Australia, Warren King. Susana de Sarriá Sopeña, presidenta de Navantia, e o secretario adxunto de Construción Naval, Tony Dalton, son tamén asinantes do acordo, de forma non presencial.

A presidenta de Navantia declarou que "este acordo representa un importante fito na longa relación de confianza que Navantia mantén con Australia desde principios dos anos 2000. Este acordo recoñece a importancia de Navantia Australia no panorama de industrias críticas para a defensa e é tamén unha proba da aposta pola internacionalización da empresa, na que Australia figura como un dos mercados estratéxicos para a compañía". Warren King, presidente de Navantia Australia, comentou que "este acordo é un importante fito no desenvolvemento das capacidades da Compañía, o que significa que o mantemento e as modernizacións dos destrutores da clase Hobart, os LHDs e as lanchas de desembarco, así como os novos buques de apoio loxísticos serán xestionados por Navantia Australia. Abre un importante futuro no desenvolvemento das operacións actuais e novas solucións apoiadas en tecnoloxías dixitais".

A relación de Navantia coa Mariña Australiana remóntase aos anos 2000, primeiro cos contratos para o deseño dos destrutores AWD e para a construción de dous buques anfibios tipo LHD, incluíndo 12 lanchas de desembarco para os mesmos, e en 2016 co contrato para a subministración de dous buques AOR, actualmente en construción no estaleiro de Ferrol. Navantia rexistrou en 2012 a súa filial en Australia, que actualmente proporciona servizos de apoio ao deseño e ao mantemento de todas as clases de buques deseñados por Navantia.

Sociedade

Publica o teu comentario agora