Navantia Fene, sen vetos pero sen plan

Navantia Fene, sen vetos pero sen plan

02 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O 2015 supón o fin do veto que impedía a Navantia Fene acometer a construción de buques. De xeito practicamente simultáneo a antiga Astano ven de formalizar un contrato para estructuras de jackets con Iberdrola por importe de noventa millóns de euros. O comité de empresa demanda a presentación dun Plan Industrial que incluia todo tipo de segmentos do mercado do sector naval.

    A historia empresarial de Astano

    A empresa de construción naval Astano (Astilleros y Talleres del Noroeste, S.A.) instálase en Perlío en 1941 adquirindo as instalacións do antigo estaleiro de Ramón Aguilar que viña funcionando dende a primeira década do século. Astano comezou como un pequeño estaleiro de capital privado dedicado nos primeiros anos da súa história á construción de pequenos buques de madeira de ata 30 metros de eslora. Tamén traballaban como empresa auxiliar dos estaleiros ferroláns, daquela Sociedad Española de Construción Naval, que no 1947 pasará a denominarse Empresa Nacional Bazán.

    O enxeñeiro e capitán de navío, Jose María González-Llanos, funda a empresa  como sociedade limitada, cun capital de 1.600.000 pesetas, o 15 de outubro de 1941 coa finalidade de dedicarse á construción e reparación de pequenos barcos de pesca. Dispuña unicamente duns pequenos obradoiros de fundición e maquinaria.  O cadro de persoal compúñano trinta e tres operarios e a superficie das instalacións ocupaba 3.000 metros cadrados.

    O primeiro barco construído, o Comandante Lobo, foi un pesqueiro de madeira, de 124 toneladas e propulsado a vapor. A evolución técnica apreciaráse nos seguintes barcos, Tabeirones I e II, que xa se fabrican con casco de aceiro remachado.

    O Banco Pastor respalda unha primeira ampliación de Astano en 1944 pero foi nos inicios dos anos 60 cando o estaleiro coñeceu o verdadeiro despegue. A Lei de Protección da Mariña Mercante de 1956 estimulou a demanda de novos buques. Co Pastor o capital ascende a 20 millóns de pesetas, e entraron tamén como accionistas o INI e a bacalladeira Pebsa.

    Entre 1945 e 1960, o impulso xerado por Astano permite ao concello de Fene duplicar a súa poboación nun período de 15 anos. A partir de 1947 a empresa ergue edificios para proporcionar servizos aos operarios: aseos, vestiarios, enfermería, comedor, economato,... Tamén se preparan 3 carros de varadoiros para naves de ata 990 toneladas de peso morto, peiraos de armamento máis amplos, obradoiro de maquinaria para confecionar pezas de aceiro, etcétera.

    Nese mesmo ano 1947 realizouse o primeiro barco co casco de metal, pero a madeira continúa uilizándose en moitas pezas ata ben entrada a década dos cincuenta. O aceiro era un metal difícil de adquirir a causa do peche dos mercados exteriores ao franquismo. Nese contexto o taller de maquinaria suporá unha proba da alta capacitación laboral dos empregados e permitirá xerar ingresos no exterior pola venda de pezas e máquinas fabricadas en Perlío. Actúa como motor da empresa, que se especializa en caldeiras, máquinas de vapor e de arrastre. Astano construirá tamén os equipos propulsores para dous barcos do servizo hidrográfico da Armada e os gardacostas “Centinela” e “Serviola” para a Marina. 

(continuará)

Sociedade