Neira Vilas participará no 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido

Neira Vilas participará no 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido

21 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Xosé Neira Vilas acudirá e participará nos actos conmemorativos dos 75 anos de vida do Monumento ao Camiñante Descoñecido, en Barallobre (Fene A Coruña) O autor de Memorias dun neno labrego é o único persoeiro da cultura galega con vida, entre os 12 que teñen adicado un banco no citado paraxe da ría de Ferrol. Os actos comezarán o sábado 4 de xullo ás 12 do mediodia.

Xunto con Neira Vilas, posuen banco adicado no Camiñante os seguintes persoeiros:

Castelao, Curros, Rosalía, Insúa Santos, Irmáns Vilar Ponte, Otero Pedrayo, Bieito Cupeiro, Rof Codina, Pondal, P.Parallé e Ares Feal.

O Monumento ao Camiñante Descoñecido inaugurouse o 1 de xullo de 1934, coa intervención de Ramón Otero Pedrayo, Ramón Vilar Ponte e do veterinario e agrarista Juan Rof Codina. Segundo o promotor do Monumento, o xornalista Alfonso Piñón, "o Camiñante Descoñecido é o traballador que pasa, e é a muller que traballa a terrra buscando o benestar da súa familia; e é o ledo excursionista; e é a muller que pasa aloumiñando a lonxanía, agardando a volta do home emigrado; e é o neno que vai todos os dias á escola, e é a parella namorada que pasea a súa felicidade polo mundo. O camiñante descoñecido é o home que viaxa na procura de aventuras, e é o vagabundo, que non busca nada, porque xa encontrou todo; e é o difunto que pasara a carón noso facendo a súa última viaxe; e é o rio que camiña eternamente até o mar".

Sociedade