Neira Vilas volve a Barallobre no 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido

Neira Vilas volve a Barallobre no 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido

04 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Emocionado e agradecido amosouse este mediodía o escritor Xosé Neira Vilas no arranque dos actos de conmemoración do 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido. O autor de Memorias dun Neno Labrego acudiu ao encontro organizado pola Liga de Amigos de Barallobre acompañado pola súa muller Anisia Miranda. Durante a súaintervención lembrou que hai vinte anos xa participara na inauguración do banco que leva o seu nome

Xosé Neira Vilas foi o convidado especial aos actos do 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido como único persoeiro vivo dos doce aos que se ten adicado un banco en tan singular construcción.

Arroupado polos moitos veciños de Barallobre que nesta xornada están a participar na romería do Camiñante, o escritor asegurou fronte ao Monumento que “ésta é unha obra de amor, de cultura e de imaxinación”. Afirmou ademais que a singulariedade do Monumento ao Camiñante Descoñecido radica no seu significado “nun país de camiñantes”. 

Cunha ofrenda floral e coas palabras de Xose Neira Vilas comezaban este mediodía os actos do 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido. Xesus Fraga, veciño de Barallobre, aínda que afincado dende hai moitos anos en Cataluña, transmitiu aos presentes os saudos e adhesións de distintas sociedades catalanas como a Asociación Cultural Galega “Saudade” ou o Centro Galego de Barcelona. Interviron tamén neste acto previo á tradicional ofrenda floral, a vicepresidenta da Liga de Amigos de Barallobre, María Xosé Novo, o director de Radiofusión, Henrique Sanfiz, o catedrático de Lingua e Literatura Galega, Alexandre Ripoll, e a concelleira de Cultura de Fene, Carmen Silvar.

A banda de gaitas Fontornela de Mera, a Agrupación Folclórica Donas e Galáns de Ferrol e o grupo de baile Bolboretas da Liga de Amigos de Barallobre protagonizaron ao mediodia o tradicional festival folclórico da Romería do Camiñante. Xa pola tarde, tralo xantar, anúncianse distintas actividades de deporte rural e xogos tradicionais e unha grande churrascada a partir das 20h.

Os actos de celebración do 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido prolongaranse ata ben entrada a noite. Concluirán cun festival de música no que actuarán a partir das dez as cantareiras da Ligade Amigos, o grupo Estimaba que viñeras, e máis Cristina Pato, gaiteira galega que reside actualmente en Nova Iork onde amplia os seus estudos musicais.

Máis de medio cento de persoas co apelido Barallobre procedentes de toda Galicia e doutras zonas da península asisten nesta xornada á III Xuntanza dos Barallobre, na parróquia de Fene que deu orixe a este apelido. A Liga de Amigos de Barallobre fixo coincidir este evento cos actos do 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido.

Sociedade