A nena que tiña unha soa orella, unha innovadora curta de animación de Rubén Coca

A nena que tiña unha soa orella, unha innovadora curta de animación de Rubén Coca

04 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A nena que tiña unha soa orella é o título da nova curtametraxe do cineasta ferrolán Rubén Coca. Unha curta de animación baseada nun libro de Lucía Etxebarría que se estreará no Teatro Jofre de Ferrol o sábado 19 de setembro.

A curta producida Rubén Coca e dirixida por Álvaro León e Víctor Coyote, mestura diversas técnicas de animación. Afastánse do ordenador e empregan, entroutras, sombras chinescas ou 3D. Todo para conseguir 15 minutos de proxección sen escoitar unha soa palabra.

A nena que tiña unha soa orella xa se presentou no Festival de Cans de Porriño (Pontevedra). Unha presentación para un público entendido e selecto. Agora están a facer unha montaxe por todo o alto, para á posta de longo no Jofre, segundo declarou esta mañá en Radiofusión, Rubén Coca.

A curta conta a historia dunha pequena rapaza cunha serie de complexos. Un filme para todo tipo de públicos. Coca destaca o carácter innovador da producción e anima á xente a vela.

A nova obra de Coca participará no X Festival Internacional de AniMadrid 2009, un certame de referenza da animación de España. Dende “La vida mata” primeira creación de Coca do ano 1999, o cineasta está a traballar duro. “É complicado, hai que ter moita paciencia, o cine e a cultura en xeral pasa nestes momentos a un segundo plano” afirma.

Cun orzamento de 40 mil euros conseguiron sacar este proxecto adiante pese aos atrancos. A animación é máis cara que o cine real. Amais en Ferrol non hai as mesmas oportunidades que en cidades como Madrid ou Barcelona, onde todo está máis localizado. Malia todo o investimento merece a pena xa que vai ter difusión internacional.

No estreno de A nena que tiña unha soa orella o sábado 19 , estarán presentes a autora do libro Lucía Etxebarría e todo o equipo técnico. Asemade acudirá unha banda venezolana que fixo a música orixinal da curta xunto cun grupo de Ferrol que tocarán en directo.

O estreno é o sábado 19 de setembro, ás oito e media do serán no Teatro Jofre de Ferrol. A entrada é libre pero se necesita invitación. Os interesados poden chamar ao telefóno 605 805 101.

Cultura