Ningunha tortilla é mala

Eli Ríos gaña a 29ª edición do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña
18 de Outubro, 2018 - 02:21 h. | Publicada por Radio Fene

Eli Ríos é a gañadora e Silvia Penas con "Subministro" é a finalista do certame de poesía da Deputación da Coruña

A escritora Eli Ríos é a gañadora da 29ª edición do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña coa súa obra "Ningunha tortilla é mala". Silvia Penas con Subministro é a finalista do certame. O xurado composto por Vicente Araguas, Enma Pedreira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Vilar e Lorena Conde como gañadora da edición anterior, presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei coa xefa de sección, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, optou por "Ningunha tortilla é mala", de Eli Ríos, como gañadora do Premio González Garcés de poesía entre os 92 orixinais presentados ao concurso. Como finalista, o xurado escolleu o libro Subministro da poeta Silvia Penas.

O xurado destaca que na obra de Eli Ríos, "hai unha poesía pictórica e secuencial, case minimalista que xoga coa metalingüística" e nela atopan tamén "humor e a retranca que, sen romper a profundidade do texto, o alixeira". "O texto ten a capacidade de conectar un mundo que vai do detalle ao universal, mediante un xogo linguüístico no que se vale dunha estética do silencio", apunta o fallo do xurado que fala dunha obra "moi sensorial que podería resumirse como o relato da elaboración dunha tortilla sinestésica como metáfora do desexo.

En canto á obra de Silvia Penas, o xurado apunta que "reflexa a poesía do cotián, co pano de fondo do mundo do traballo das mulleres; o texto utiliza o humor, atemperado pola boa linguaxe poética e pode considerarse unha actualización do mito da torre de marfil na que vivían os poetas". O premio consiste en 6.500 € máis a publicación da obra premiada por parte da Deputación da Coruña dentro da colección do Premio González Garcés.

Cultura

Publica o teu comentario agora