No país das vacas. Exposición de Xurxo Lobato

No país das vacas. Exposición de Xurxo Lobato

13 de Febreiro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O fotógrafo Xurxo Lobato rende tributo visual á vaca cunha exposición no Museo do Pobo Galego. Inaugúrase mañán martes dia 14 ás 20.00 horas. A exposición O país das vacas quere pór en valor o seu papel como referente de desenvolvemento no mundo rural. A mostra pode visitarse en Santiago ata o 1 de abril e percorrerá logo outras capitais galegas.

Ser un tributo visual á vaca, explicar como vive, de que vive e quen vive dela, e pór en valor o sector gandeiro galego, é a razón de ser da exposición O país das vacas, do fotógrafo Xurxo Lobato, que mañá se inaugura no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Ademais do propio autor, no acto tamén intervirán o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o representante de Larsa; o director de Progando, Xosé Turnes; e o presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi.

A exposición, patrocinada por Larsa, que poderá visitarse en Santiago ata o 1 de abril, conta con 132 imaxes da autoría do fotógrafo coruñés que foxen do bucolismo para adoptar un carácter divulgativo que sitúa a vaca como referente do desenvolvemento rural. A mostra pretende contribuír con estas imaxes a que a cidadanía tome conciencia da riqueza económica e social que a vaca xera en Galicia.

Unha visión completa sobre o aproveitamento económico da especie, dende a tecnoloxía aplicada nas granxas, ata as vacas como obxecto de investigación nas universidades, que pasa pola a variedade de razas autóctonas, a industria láctea e a da carne, ou a gastronomía, e que se complementa cun tributo ao animal que é icona cultural galega. Así, aparecen na exposición de Lobato vacas de pasarela, pero tamén aquela vaca que Castelao cría merecente de estampar o papel moeda galego “como símbolo da nosa economía humanamente distribuída”.

A exposición, en módulos moi visuais, complétase coas reflexións que arredor da vaca fan recoñecidas firmas galegas, entre elas as de Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente Real Academia Galega; Manuel Rivas, escritor; Ramón Villares, presidente Consello da Cultura Galega; Rosalía Mera, presidenta Fundación Paideia; Enrique Sáez, presidente Fundación Juana de Vega; Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago; Miguel Anxo Seixas, gandeiro e vicepresidente da Fundación Castelao; José Luis Gómez, columnista de El País; Felipe Senén, académico; Antón Losada, profesor Ciencia política da USC; Amancio Liñares, escritor; Xusto Sánchez Varela, gandeiro; Higinio Mougán, de AGACA; Xosé Turnes, director de Progando; Xosé A. Fraga, divulgador científico; José Armando Tellado, director xeral Larsa; Xesús Ferro e Pedro Benavente, co-autores do libro Vaca; José Ramón Justo Feijoo, de Boaga; Luis Antonio Vázquez da IXP “Ternera Gallega”; Flavio Morganti, restaurador; e Fátima Otero, crítica de arte.

Tras o seu paso por Santiago, a exposición poderá verse en Ourense, Vilagarcía de Arousa, Semana Verde de Galicia en Silleda, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Lugo.

Sociedade