Noa Estevez: “Aínda hai un vínculo moi forte coa terra”

Noa Estevez: “Aínda hai un vínculo moi forte coa terra”

22 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

O mercado Entre Lusco e Fusco é un mercado de produtos frescos e de tempada, de orixe ecolóxica e local, de comercio xusto e de troco, aderezado con artesanía, música e baile, entre outras actividades. Ten lugar as terrazas do Parque de Belvís en Compostela todas as tardes dos martes de 18:00 a 21:00 horas. A plataforma galega Andaime é unha das organizadoras deste mercado alternativo e Noa Estevez é a súa vicepresidenta.

Este mercado ofrece un horario de venda diferente e, segundo Estevez, “é unha alternativa real de consumo responsable fronte ao consumo en grandes superficies”. Asemade, considérao un espazo de encontro que “fomenta as relacións humanas” e facilita, evitando intermediarios, “unha relación directa entre produtores e consumidores”. Apunta que os prezos dos produtos son xustos e que, coa súa compra, “estase apoiando que os produtores poidan vivir do seu traballo”. Indica tamén que o mercado tivo unha boa acollida e que a xente decántase cada vez máis por este tipo de consumo, xa que os que o fan, “repiten e acaban sendo clientes fieis”.

“Consideramos moi importante tender pontes cara o mundo da lusofonía”, afirma Estevez en relación ao Proxecto CPP (Cursos de Portugués en Portugal), outra das iniciativas nas que traballa a plataforma. A súa vicepresidenta destaca a positiva valoración dos que realizaron estes cursos para galegos e considera que son “unha forma máis de mostrar o útil que é o noso idioma”.

Ademais destas iniciativas, a plataforma ten levado a cabo outros proxectos como o Galiza en Tránsito, que ten como obxectivo “tender pontes culturais e artísticas entre Galicia e Portugal” e o Compostela en Transición no barrio de San Pedro, cuxa finalidade é “reforzar os lazos humanos entre as persoas do barrio e traballar por unha comunidade máis autosuficiente”.

Todos os que queiran consultar os proxectos da plataforma pódeno facer na súa páxina web,www.andaime.eu

Sociedade