A noite máis longa

Sardiñas, churrasco ou langostinos, de todo se come en Fene polo San Xoan
20 de Xuño, 2019 - 11:28 h. | Publicada por Radio Fene

Sardiñas en Limodre e Maniños; churrasco en Perlío e langostinos en San Valentín. A celebración do San Xoan en Fene ten de todo, peixe, marisco e carne xunto co lume para purificar corpo e alma.

Sardiñas asarán no local Juan Varela de Limodre na noite de mañá venres 21, para dar a benvida ao verán. O ambigú da AVV de Limodre organiza a sardiñada que empezará contra as nove da noite. Xente que toca algun instrumento e disposta a cantar, armarán unha repichoca na noite limodresa.

Sardiñas terán na mesma noite de San Xoán na sociedade O Pote de Maniños. Dende as 20,30h do domingo 23 empezarán a degustarse as sardiñas que se asan en directo mentres a xente as degusta sentada baixo os plataneiros do parque. (na imaxe, San Xoan do 2018 no Pote)

Adiantanse á noite do sabado 22 a AVV de Perlío que leva anos optando polo churrasco para festexar o San Xoan. A partir das 9 da noite empezará a servirse a carne na praza da Escola de Perlío. Terán musica en directo co dúo Horizonte.

O Centro de Promoción Social de San Valentín organiza a festa do lagostino na víspera do San Xoan, este sabado 22 a partir das nove da noite. Un concerto do grupo Sintrom Ni Son completará a noite desde as dez e media. Na noite do 23 o barrio de San Valentín vólcase na celebración do San Xoan na praia. Dende hai anos, a xente miuda fai as cacharelas no areal de San Valentín. No paseo maritimo paralelo á praia, grupos de veciños se alinean coas súas viandas para pasar a noite máis longa do ano.

Cultura

Publica o teu comentario agora