Non á privatización dos servizos públicos!

Non á privatización dos servizos públicos!

20 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha manifestación en defensa dos servizos públicos percorrerá este domingo Santiago de Compostela. Os convocantes agardan unha nutrida participación desde a comarca de Ferrol. Esta mañá presentouse na cidade departamental o manifesto que respalda a iniciativa.

Ao berro de Non á privatización dos Servizos Públicos, o BNG, a CIG, A Federación Rural Galega (FRUGA), a Nova Escola Galega, o Sindicato Labrego Galego (SLG), Esquerda Unida e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega fan un chamamento á cidadanía para sumarse á mobilización do domingo. Reclaman Sanidade e Educación pública e de calidade, o reforzo e ampliación dos servizos públicos creando emprego estable. Ademais demandan a consolidación duns Servizos Sociais públicos cos equipamentos necesarios para cubrir as necesidades da poboación galega. Critican a privatización de sectores como o da limpeza, abastecemento de auga e depuración, parques e xardíns ou das escolas infantís. Por outra banda inciden na necesidade dun servizo público galego de correos para impedir que o rural se sinta discriminado e non se poida revitalizar. Segundo Manuel da Cal de FRUGA, a venda das acción de R a unha especuladora inglesa impide o acceso do rural ás novas tecnoloxías proviocando a súa desertización e un país desestructurado.

Os convocantes queren mobilizar a toda a poboación facendo fincapé na xuventude para que se rebele contra estas políticas neoliberalizadoras. Ás dez e media sairán autobuses desde o local da CIG Ferrol para facilitar os desprazamentos ata Santiago.

Sociedade