Non aos productos transxénicos!

Non aos productos transxénicos!

10 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Na Semana Estatal de Loita contra os Transxénicos, o Concello de Ames organiza unha serie de actividades arredor deste tema. O municipio amaense declarado libre de transxénicos e pioneiro en iniciativas como o subministro de alimentos ecolóxicos de produción local nos seus comedores escolares, amosa un forte compromiso no que respecta a levar adiante actividades informativas para a cidadanía en materia de alimentos xenéticamente manipulados.

O Concello de Ames presenta nesta ocasión unha xornada plural que proporcionará os puntos de vista tanto da comunidade científica, coma dos consumidores e consumidoras e de entidades críticas coma Plataforma Galega Antritransxéncios.

Continuando coa Semana de Loita Estatal, hoxe mesmo os colectivos integrantes da Iniciativa pola Soberanía Alimentaria dos Pobos (ISAP), moitos dos cales tamén pertencen á PGA, realizarán unha Feira e Xantar Agroecolóxico pola Soberanía Alimentar e Contra os Transxénicos en Santiago de Compostela.

O vindeiro martes 13 de abril, novamente na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, realizarase  unha rolda de prensa para dar conta do transcurso das actividades enmarcadas na Galiza na Semana Estatal de Loita contra os Transxénicos así coma da participación da PGA na manifestación estatal do vindeiro 17 abril. 

Sociedade