Non temos enemigos na esquerda, afirma Xavier Vence

Non temos enemigos na esquerda, afirma Xavier Vence

15 de Setembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

"Non temos enemigos nen na esquerda nen no nacionalismo" afirmou este mediodia o voceiro do BNG Xavier Vence ao remate da manifestación pola soberanía organizada por esta formación. O representante do Bloque situou os adversarios do nacionalismo nos poderes económicos que provocaron a crise "e nos políticos mercenarios que os serven".

10.000 persoas participaron na manifestación convocada polo BNG en Santiago de Compostela, para pedir unha Galiza soberana, como única alternativa real á crise, e para pedir un cambio ás políticas dun PP que, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence, teñen colocado ao país “nunha situación límite no económico e no social”.

“Esta manifestación ten que marcar un punto de inflexión por ser a resposta dunha sociedade galega indignada que esixe un cambio drástico ás políticas recentralizadoras do PP que están desmantelando ás institucións, o noso autogoberno e provocando o conseguinte deterioro dos servizos públicos e do noso tecido produtivo”, explicou o portavoz nacionalista.

 Durante o seu primeiro discurso como portavoz nacional na emblemática Praza da Quintana, Vence foi desmiuzando todas as razóns que levan ao BNG a apostar pola soberanía, “paso a paso, pero con decisión”, como a única maneira de acadar as “mellores ferramentas” para solucionar os problemas do país “é facernos cargo do noso futuro como nación”.

No plano económico, unha taxa de paro insostible, que no caso da xuventude afecta ao 52%, con 290.000 desempregado e 92.000 fogares con todos os membros activos en paro.  O “espolio” do aforro galego coa “falsa” venda de NGB, pese a ser rescatada con 9.000 millóns de euros de recursos públicos, ao que hai que engadir 564 millóns estafados polas preferentes.

Neste sentido, Vence denunciou “o silencio cómplice de Feijóo que supón unha traizón ao país de consecuencias catastróficas”, e que contrapuxo á proposta do BNG de converter NGB nunha banca pública galega.

Sociedade