Nostalxia de La Habana

Os de Redes e Ares retornaron de Cuba hai 20 dias. O sabado 23 reuniranse nunha cea para aunar lembranzas
15 de Novembro, 2019 - 02:13 h. | Publicada por Radio Fene

O próximo sabado 23 de novembro hai unha cita na Tenencia de Redes para ver as fotos, películas e todo o material recopilado nesa viaxe trasatlántica que levou á xente de Redes e Ares a coñecer a terra dos seus emigrantes.

ESCOITA O PODCAST:

Un pase privado de fotos e vídeos da viaxe da Tenencia a La Habana está fixado para o sabado 23 de novembro na propia Asociación Instructiva de Caamouco ás sete da tarde. Asistirán como mínimo as 56 persoas que participaron da viaxe a Cuba do pasado mes de outubro. A partir das nove da noite, xa aberta a todo o mundo, programaron unha cea – baile con mojitos, cubalibres e daiquiris con música do país caribeño en directo.

Cristina Cadena Freire foi a alma mater da viaxe da Asociación Instructiva de Caamouco a Cuba. Baixo o lema “A Tenencia viaxa a Cuba” reuniu a 56 persoas e unha longa lista de agarda, dispostas a acompañala nesta aventura. Unha aventura que durou nove dias, do 17 ao 25 de outubro. Van 20 dias desde o retorno e polo tanto xa está a pousar na memoria dos participantes. Ademais todos e todas teñen na cabeza que o 16 de novembro celebran o 500 aniversario de La Habana.

A directiva, vogal da Agrupación Instructiva de Caamouco, confesou que probablemente fagan outra viaxe no mes de marzo para levar a todas as persoas que quedaron en lista de espera e non poideon viaxar en outubro. Os que si foron queren repetir dentro dun ano visitando lugares diferentes. Cristina Cadena defende que ademais de coñecer La Habana hai que moverse por outros lugares para coñecer realmente o país.

Estas viaxes da Tenencia non son viaxes meramente turísticas, que tamén, pero teñen un componente especial, coñecer os pasos que deron por aló os nosos antepasados galegos. Por iso o cemiterio de Colón foi unha das paradas obrigadas e das máis emotivas.

(Na imaxe, Cristina Cadena con Obando, representante da Federación de Sociedades Galegas, no Centro Gallego de La Habana)

Cultura

Publica o teu comentario agora