Nova edición da Festa do Lacón con grelos no Mesón do Bento

Nova edición da Festa do Lacón con grelos no Mesón do Bento

07 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes ten todo preparado para celebrar os días 13 e 14 de marzo, unha nova edición da Festa do Lacón con Grelos de Mesón do Vento. Unha festa que vai xa pola súa duodécima edición e que volverá a colocar a esta parroquia ordense no centro de todas as miradas durante a próxima fin de semana.

O Concello de Ordes ten preparado un amplo programa festivo con motivo desta celebración, un programa que dará comenzo o sábado día 13 ás 10 da mañá coa apertura do recinto feiral onde se poderá disfrutar xa da exposición de gando de razas autóctonas e da mostra de maquinaria que permanecerán expostas durante toda a fin de semana.
Pola tarde a partir das 17 horas terá lugar o desfile e concurso de comparsas de entroido, que contará con preto de 2.000 euros en premios. Estableceranse varias categorías para o concurso, unha de comparsas para adultos que contará cun primeiro premio de 580 euros, un segundo de 460 euros e un terceiro de 260 euros, e outra de comparsas infantís con premios de 200, 135 e 100 euros, respectivamente.
A isto sumarase tamén a categoría individual de adultos na que se premiará o mellor disfraz con 50 euros, e a categoría individual infantil cun primeiro premio de 40 euros.
Todos aqueles que estean interesados en participar neste concurso de comparsas e disfraces poderán inscribirse ata o próximo 12 de marzo nos teléfonos 981680002 e 981680157, ou ben no stand do Concello que estará instalado no recinto feiral ata as 16 horas do día 13.

A xornada do sábado rematará cunha verbena a cargo da orquestra feminina “Estrellamar” a partir das 20 horas.

DOMINGO 14 DE MARZO:
Xa na xornada do domingo día 14 o recinto feiral volverá a abrirse ás 10 horas. Nesta xornada haberá degustación gratuíta de lacón con grelos nos establecementos da zona, así como unha gran concentración moteira.

O gran atractivo deste día correrá a cargo da concentración cabalar. Unha concentración que incluirá ademais a partir das 11 horas un concurso de estampa e beleza galega, ás 12 unha proba de andadura federada galega de 2 e 4 tempos, ás 15:30 horas unha carreira de trotóns, ás 16:30 horas unha proba de trote libre e ás 17 horas unha proba de arrastre con gando vacún.

Premios
En canto ao concurso de estampa e beleza galega haberá catro premios para as éguas e catro para os cabalos de 60 euros para os primeiros, 45 para os segundos, 35 para os terceiros e 25 euros para os que queden en cuarta posición.
Na proba de andadura haberá dúas categorías, a de catro tempos e a de dous tempos con oito premios en cada unha delas que irán dende os 150 euros para o gañador a 120 o segundo, 90 o terceiro, 60 o cuarto, e 30 euros o quinto, sexto, séptimo e oitavo clasificados.
Na carreira de trotóns os premios serán os seguintes, 60 euros para o primeiro, 50 para o segundo, 40 para o terceiro e 30 para o cuarto, e por último na proba de trote libre haberá tres premios de 50, 40 e 30 euros, respectivamente.

O programa festivo complétase tamén na xornada do domingo cunha homenaxe a Ramiro Martínez García, presidente da Asociación de Veciños Mesón do Bento ás 14 horas que irá seguida dunha sesión vermú que correrá a cargo da orquesta Fania, que será tamén a encargada de amenizar a verbena nocturna a partir das oito da tarde para poñer broche final á festa.

O edil de Promoción Económica, Turismo, Mercados e Exposicións, José Luis Gómez Candal, quixo animar a todos os veciños e veciñas do municipio a que participen desta festa “que xa é todo un referente no calendario festivo do municipio e que ano tras ano conseguimos que teña un maior éxito, esperando que nesta ocasión tampouco defraude”.

Sociedade