A nova Lei de Caixas xubila forzosamente a Fernández Gayoso

A nova Lei de Caixas xubila forzosamente a Fernández Gayoso

29 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Galicia conta cunha nova Lei de Caixas, que substitúe á anterior do ano 1985, e que o Parlamento non foi quen de aprobar de maneira unánime. O PSdeG contrapuxo os seus 27 votos fronte aos 37 do PP e os 11 do BNG, que xuntos abondaron para dar luz verde á reforma. Os grupos si acordaron que, no caso de que Caixa Galicia e Caixanova comecen un proceso de fusión, se lle consulte ao Parlamento antes de que o Consello da Xunta o sancione favorablemente. No resto de aspectos, os

Primeiro atranco a unha posible fusión: a resistencia do presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, de 78 anos. Solución: limitar a 70 anos a idade dos membros dos consellos de administración das entidades. Segunda liña de resistencia: os intereses localistas da Coruña e Vigo. Solución: que un terzo dos representantes municipais nos órganos de dirección se escollan por sorteo directo, sen ponderar o peso poboacional.

Desta maneira despexa a nova Lei de Caixas algunhas das reticencias ao matrimonio das entidades de aforro galegas. O texto establece asemade que as tres cuartas partes dos consellos administrativos se renoven antes de marzo e concédelle ao Parlamento a designación do 20 por cento dos cargos de Caixanova, e o 25 en Caixa Galicia, que non poderán ser políticos en activo. Finalmente, a Xunta poderá controlar os investimentos da obra social que superen os 500.000 euros.

Á luz destes compromisos, o PSdeG, que veu desbotadas as súas 46 enmendas, pregúntase que pretendía realmente a reforma. O deputado Xaquín Fernández Leiceaga, que criticou a urxencia dos prazos para a renovación, coida que todo responde a un deseño “ad hoc” para que o Goberno controle os consellos de dirección á súa comenencia.

O nacionalista Fernando Blanco defendeu a bondade da nova lei porque, grazas aos novos poderes do Parlamento, concédelle máis relevancia aos intereses da cidadanía que aos dos directivos.

Dende o partido no Goberno, Pedro Puy, criticou o cambio de parecer dos socialistas, que se retractaron do seu apoio inicial á modificación. O deputado popular pensa que Galicia terá agora “mellores caixas”.

Institucional