Nova sesión de Músicas Portuarias con contacontos, paseos musicais en barco e unha actuación de Artaica

Nova sesión de Músicas Portuarias con contacontos, paseos musicais en barco e unha actuación de Artaica

07 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O ciclo Músicas Portuarias ofrece novas propostas a ferroláns e visitantes esta semana. Segundo avanzou a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, o programa incluirá unha sesión de contacontos a cargo de Cándido Pazó; paseos musicais pola Ría con custe cero, e a actuación estelar de Artaica no Teatro Jofre.

Cándido Pazó, un dos narradores galegos máis importantes da actualidade, deleitará ao público con historias mariñeiras sobre portos, tabernas, barcos, encallamentos, etc. Actuará este venres na rúa Carmen Curuxeiras, a partires das 22.00 horas. As sesións de contacontos son, precisamente, unha das grandes novidades do ciclo este ano. Con elas, preténdese “darlle voz, memoria e humor ao mar”.

Á marxe de narracións e concertos, o ciclo de Músicas Portuarias acolle novamente paseos musicais en barco pola ría de Ferrol con dúos locais tocando a bordo. Os participantes neles terán a oportunidade de contemplar os castelos de San Felipe a A Palma, as baterías da Graña, as ruínas de San Cristovo, a bocana da ría, O Seixo, Barallobre ou os estaleiros. As viaxes serán de balde, ata completar as prazas, e estarán amenizadas por Antón Varela, Raquel Fontes, Comisa Bal e Os Xotas.

A programación inclúe así mesmo unha mirada ás músicas que se fan na actualidade no Mediterráneo. Estas chegarán a Ferrol da man da agrupación valenciana Artaica e de Franca Masu. Artaica subirá ao escenario do Teatro Jofre o 10 de xullo. Os seus integrantes, Xavi Folch (contrabaixo), Pau Viguer (piano), Agustí Vidal (violino) e Mara Aranda (voz) ofrecerán ao público un repertorio con melodías ricas en mistura e anos de intercambio de experiencias nas vilas de ribeira. O custe da entrada é de dez euros e xa pode adquirirse a través da web www.ferrol.es/jofre.

Sociedade