Novas protestas contra os recortes

Novas protestas contra os recortes

24 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A solicitude de rescate á Unión Europea podería formalizarse a mediados de setembro. Os sindicatos temen que a partir desa data o goberno programe novas medidas para rebaixar salarios e reducir dereitos laborais. Hoxe o Consello de Ministros fixará as condicións para acceder á axuda do Plan Prepara. De xeito simultáneo e unitario os sindicatos convocan concentracións en todas as cidades de Galicia.

O goberno de Mariano Rajoy regresou de vacacións e con el reinícianse os Consellos de Ministros nos que, venres tras venres, "se perpetran novas medidas que inciden en máis recortes sociais e laborais, abren as portas a novas privatizacións ou afondan no desmantelamento e deterioro dos servizos públicos" afirma a Confederación Intersindical Galega. Contra esas políticas "dirixidas a protexer e beneficiar os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores,  a CIG chama a participar nas concentracións conxuntas que se convocan este venres nas distintas comarcas de Galiza. Aos sucesivos paquetes de medidas impostos polo PP a golpe de decreto, que até o de agora só teñen provocado máis recesión, máis paro e máis empobrecemento, engadiranse novos recortes xa anunciados para a súa aprobación neste primeiro Consello de Ministros tras do período vacacional, nomeadamente o endurecemento das condicións para acceder a axuda de 400 €. Medidas que terán aínda máis graves consecuencias para a clase traballadora de efectivizarse, como está previsto, a solicitude de rescate ao Estado a mediados de setembro ou de atender ás recentes recomendacións do BCE de seguir rebaixando os salarios para aumentar a produtividade. Contra estas políticas neoliberais auspiciadas desde as instancias económicas internacionais (FMI, BCE) -e plenamente compartidas pola dereita española- retómanse as convocatorias de concentracións conxuntas nas distintas comarcas do país".

Sociedade