As novas tecnoloxías ao servizo do sector marítimo

As novas tecnoloxías ao servizo do sector marítimo

21 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) impulsa o uso das novas tecnoloxías na formación do sector marítimo a través da organización dun obradoiro de traballo que se celebrará en Santiago de Compostela mañá, 22 de marzo. Este obradoiro, que está enmarcado no proxecto europeo Marleanet, ten como obxectivo propoñer un debate entre os principais implicados na formación do sector marítimo para o dese&

Durante esta xornada de traballo realizarase unha presentación do proxecto Marleanet, unha mesa de debate que versará sobre os recursos para unha difusión sinxela e eficaz da nova lexislación aplicable ao sector marítimo. Ademais realizaranse dous obradoiros, un deles sobre a plataforma Marleanet como soporte para a formación marítima e outro sobre o manexo de ferramentas innovadoras para a formación marítima. 

O proxecto Marleanet no que colabora o Cetmar persegue a mellora da formación marítima no espacio Atlántico e a creación dunha rede de centros de formación que mellore a capacitación dos profesionais do mar e propicie un coñecemento adaptado ás necesidades deste ámbito e da seguridade marítima, así como un achegamento entre a formación marítima civil, pesqueira e militar. Esta iniciativa está coordinada polo Centre Européen de Formation Continue Maritime (CEFCM) de Concarneau (Francia) e ademais do Cetmar conta coa participación do Cork Institute of Technology de Irlanda, a Escola Superior Náutica Infante D. Henrique e a  Mutua dos Pescadores de Portugal, e a Universite de Bretagne Occidentale (Francia); conta coa cofinanciación da Unión Europea mediante fondos FEDER do programa espacio Atlántico.  

Todos eles traballan de forma conxunta dende ano 2010 na execución de accións encamiñadas á creación dunha rede transnacional de formación marítima de alta calidade e á posta en común de ferramentas para os seus membros. O proxecto prevé tamén o intercambio de boas prácticas e de persoal para a implantación conxunta de cursos de calidade e a posta en marcha dunha ferramenta común de e-learning que inclúa aos socios da rede cara a formación on-line (a bordo de buques ou na casa) e nos centros de formación. A meta dos socios de “Marleanet” é capacitar a arredor de 3.000 persoas ao ano a través dos centros da súa rede, e certificar o valor engadido da formación marítima impartida no espacio Atlántico.

Sociedade