Novo centro de saúde

Novo centro de saúde
15 de Maio, 2023 - 02:56 h. | Publicada por Radio Fene

A Sociedade Suelo Empresarial del Atlántico, que xestiona as parcelas do SEPES en Centieiras, cederá terreos na avenida do Tarrío para a construción do novo centro de saúde. Chegouse a ese acordo nunha reunión que mantiveron o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo. “A min gústame falar das cousas cando están feitas”, declarou a Radio Fene o alcalde ao anunciar o acordo.

ESCOITA O PODCAST:

“Despois de moitas xestións e de falar con moita xente temos boas novas, a xerente comunicounos que adiante coa xestión, así que imos ter os terreos para o novo centro de saúde sen movelo da zona, cen metros adiante ou atrás, estará en Tarrío, en Perlío”, manifestou o alcalde. A Xunta de Galicia anunciou en outubro de 2021 a previsión de construír un novo centro de saúde en Fene. Nese mesmo anuncio se indicaba que a construción comezará en 2024 e 2025. Agora o Concello e o SEPES dan o paso necesario para poñer a disposición da Xunta a parcela na que se construiráá a nova infraestrutura sanitaria. Será nas proximidades do actual centro sanitario. Segundo comunicou o Sergas o novo equipamento precisa uns 2.600 metros cadrados de superficie construída, nunha ou varias alturas. “Hai terreos de sobra na propia avenida de Tarrío, o SEPES ten máis de 10.000 metros cadrados”. “Desde xaneiro de 2022 reunímonos repetidamente co SEPES para chegar a ese acordo, para chegar a ese bo fin”, celebrou Juventino Trigo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora