Nunca lle fixen mal a ninguén

Nunca lle fixen mal a ninguén
14 de Agosto, 2019 - 11:22 h. | Publicada por Radio Fene

"Por qué vou fuxir se nunca lle fixen mal a ninguén" respondeulle o alcalde de Fene en 1936 Ramón Souto á súa muller Mercedes Guizán. Ela dixéralle: "Escapa, Ramón, escapa, que che van dar o pau", segundo lembraba a súa sobriña Rosa Souto. Detivéronno na Casa do Concello -que estaba cunha bandeira branca- o 22 de xullo e fusiláronno sen xuizo previo na Escolleira do Arsenal de Ferrol o 16 de agosto dese ano. Antes de chegar a alcaldía -en xuño de 1936- fora un activo membro da sociedade agrícola A Necesaria e máis do Sindicato de Oficios Varios e Peóns do Concello de Fene. Distinguiuse pola defensa das xentes máis desfavorecidas e sen recursos.

Ramón Souto, alcalde de Fene en 1936

O Concello de Fene celebrará este venres 16 de agosto, a partir das 19 horas, un acto de homenaxe e lembranza a Ramón Souto González, o último alcalde da República en Fene, fusilado xunto a outros membros da corporación en 1936. O acto terá lugar na antiga praza da casa consistorial, hoxe bautizada co nome do ex alcalde en recoñecemento e memoria da súa figura. No acto, aberto á participación de toda a veciñanza, tomarán a palabra o xornalista fenés Ramón Loureiro e o senador ferrolá Julio Barros Casal. O acto pecharase cunha actuación musical.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora