O “Pressing Catch” de Berrobambán chega a Cedeira

O “Pressing Catch” de Berrobambán chega a Cedeira

22 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Vivimos na era da violencia como espectáculo. Metida nas nosas vidas de xeito tan sutil e natural que non reparamos nela. Berrobambán proponnos o espectáculo “Pressing Catch” para traer a primeiro plano esas outras formas de violencia menos evidentes. Os loitadores e loitadoras son xentes da vida cotiá. Este sábado 23 de outubro representan a obra ás 18,30 horas no Auditorio Municipal de Cedeira.

A escritora Paula Carballeira e o director Quico Cadaval artellan a un DJ que introduce os personaxes: Lola (Anabel Gago), unha “poligoneira”, unha rapaza de barrio que bota a súa rabia pola boca coma un animal salvaxe; o Hellmaster (Hugo Torres), avogado de éxito, cunha vida familiar que non é quen de xestionar, e A Chorona (Paula Carballeira), que recorre á chantaxe emocional e a se facer a vítima, a máis perigosa do ring. Todos eles controlados por un árbitro (Chiqui Pereira) que non quería selo, eterno perdedor nun mundo de gañadores.

Cultura