O “Te-Likido” de Pedro Picos e José Bonomé no Jofre

O “Te-Likido” de Pedro Picos e José Bonomé no Jofre

21 de Setembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Teatro Bucanero porá en escena este venres no Jofre a obra “Kungfundidos”, dentro da programación de outono da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol. A función comezará ás 20:30 horas e as entradas xa se poden adquirir de maneira anticipada no despacho do Jofre ou por internet a un prezo de 5 euros.

En “Kungfundidos”, Pedro Picos e Xosé Bonome, os compoñentes de Teatro Bucanero, representan o papel de dous mestres que se formaron nos mosteiros do Himalaia nunha nova arte marcial descoñecida: “Te-Likido” Trátase dunha obra de humor esperpéntico que busca provocar o sorriso do público. Con esta peza teatral, Bucanero coroa dez anos de traxectoria profesional sobre os escenarios durante a que levan producidos cinco espectáculos: “Jánsel e Ponsel” (2001), “Tres Notas” (2003), “Se normal, vota Substancia Bucanera" (2003), “Por un millón de dólares” (2005) e “Kungfundidos” (2011).

Teatro para nenos o domingo

Esta fin de semana o Jofre tamén acollerá a primeira dunha serie de seis representacións de teatro infantil programadas polo Concello de Ferrol. Trátase de “Golulá”, da compañía compostelá Galitoon. A cita é o domingo 25, a partir das 13:00 horas. O prezo da entrada é de 2 euros e se poden adquirir de maneira anticipada no despacho do Jofre ou a través de internet.

A obra é unha montaxe dirixida a nenos a partir dos 4 anos e está avalada co premio ao mellor espectáculo infantil na X Feira Internacional de Teatro de Ciudad Rodrigo. O guión e a dirección da obra son de Andrea Bayer e está interpretado, ademais de por Andrea Bayer, por Migalla Casteleiro, Santiago Alonso e Óscar Ferreira.

“Golulá” é o nome dun país que só tiña unha nube. Os seus habitantes tiñan medo a perdela e por iso un gardián coida dela (Bunkaa, un gorila cun gran corazón). Neste país tamén vive Lara, a mellor amiga de Bunkaa e o malvado doutor Terrier, que roubará a única nube de Golulá o que fará que Bunkaa e Lara comecen unha longa viaxe por terra, mar e aire para recuperala. Trátase dun espectáculo innovador e pioneiro, que reúne técnicas de monicreques, actorais ou de body-poppets, entre outras

Cultura